AUDITORIO DE GALICIA

Paul Daniel, director, e Ilya Gringolts, violinista, no concerto da Real Filharmonía de Galicia

07/02/2006 O director Paul Daniel dirixe á Real Filharmonía de Galicia
e ao violinista Ilya Gringolts no concerto do xoves, 9 de febreiro, nun programa con obras de Balboa, Schumann e Sibelius

Neste concerto a Real Filharmonía de Galicia interpretará as obras de M. Balboa, Saturnal; de R. Schumann, Concerto para violín en re menor e de J. Sibelius, Sinfonía núm. 4 en la menor, op. 63.

o concerto terá lugar o xoves, 9 de febreiro, as 21.00 horas no Auditorio de Galicia.

Paul Daniel foi director convidado das principais orquestras do mundo. En setembro de 1997 asumiu o cargo de director musical da English National Operae. Foi director musical da Opera Factory de 1987 a 1990 e da Opera North entre 1990 e 1997.

Mentres desempeñou as funcións de director principal da English Northern Philharmonia, a orquestra de Opera North, dirixiu moitos concertos polo Reino Unido, e tamén levou á orquestra a moitos festivais, entre eles o Edinburgh Festival.

En febreiro de 1998 recibiu un Olivier Award pola súa extraordinaria achega á ópera, e en 1999, un premio Gramophone pola súa serie de música inglesa con Naxos. Foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico nos New Year’s Honours do 2000.

Ilya Gringolts con 16 anos gañou o Concurso Internacional Paganini, no que tamén obtivo outros dous premios: finalista máis novo da historia do concurso, e ao mellor intérprete dos Caprichos de Paganini. Na actualidade é un dos doce novos artistas seleccionados pola BBC no seu proxecto de Nova Xeración de Artistas.

Actuou xunto as mellores orquestras do mundo dirixidas por mestres da talla de Daniel Barenboim, Kurt Masur, Mstislav Rostropovich, Zubin Mehta, Yuri Temirkanov, Vassily Sinaisky ou Vladimir Jurowski.

Ilya Gringolts ofreceu recitais en prestixiosas salas, como o Louvre de París, o Wigmore Hall de Londres e o Palais des Beaux Arts de Bruxelas. Así mesmo, é convidado frecuentemente en numerosos festivais internacionais. Toca un violín Stradivarius ex-Kiesewetter de 1723, que lle foi prestado por Clement Arrison grazas á Sociedade Stradivarius de Chicago.

Compartir: