AUDITORIO DE GALICIA

A Radio Galega retransmitirá os concertos da Real Filharmonía de Galicia

02/02/2006 A Radio Galega, e próximamente a Televisión de Galicia, retransmitirá os concertos da Real Filharmonía de Galicia, en virtude do convenio de colaboración asinado o xoves, 2 de febreiro, polo alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o director xeral de Radio Televisión de Galicia, Benigno Sánchez.

A radio e televisión pública galegas, "nunha clara e decidida aposta pola cultura de Galicia", segundo manifestou Benigno Sánchez, difundirán o labor das dúas orquestras de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, auspiciada polo Consorcio de Santiago, e a Orquesta Sinfónica de Galicia, radicada na Coruña.

O convenio entre a Real Filharmonía e a Radio Galega contempla a gravación e radiodifusión dos concertos da afamada orquestra compostelá, que conta como director titular con Antoni Ros Marbà e que celebra precisamente este ano o seu décimo aniversario.

O convenio é operativo desde esta mesma data, segundo confirmou o director da Radio Galega, Virgilio Costas, xa que a radio autonómica retransmitira o concerto programado no Auditorio de Galicia e dirixido por Hansjörg Schellenberger.

Aínda que este acordo refírese exclusivamente á radio, o director xeral de Radio Televisión de Galicia avanzou que a intención é facerllo extensivo á televisión autonómica de xeito que nunha primeira fase ´"pódase retransmitir alomenos un concerto mensual" de ambas orquetras para, nunha segunda fase, chegar á retransmisión semanal dun concerto, os domingos.

Sánchez Bugallo, presidente do Consorcio, expresou o seu agradecemento por esta nova línea de apoio dos medios públicos que permitirá "promover a cultura e a música achegándola a todos os fogares" e suliñou que esta colaboración supón un importante respaldo para ambas formacións orquestrais.

A máis da gravación e retransmisións en directo dos concertos, a Radio Galega comprométese a adicar parte do seu coñecido programa "Clásicos na sobremesa", que se emite os domingos de tres a catro da tarde, á difusión do labor da Filharmonía de Galicia. Outro tanto fará o programa "Diario cultural", que se emite de luns a venres, entre as tres e as catro da tarde.

No acto do asinamento do convenio participaron o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, e o director técnico da Real Filharmonía de Galicia, Oriol Roch.

Compartir: