ALCALDÍA

Sánchez Bugallo, satisfeito cos últimos datos de Lavacolla

17/03/2005 O Alcalde de Santiago participará mañá no foro "Políticas públicas urbanas y derecho de la ciudad", auspiciado pola Unesco, para explicar o modelo rehabilitador e de dinamización urbana aplicado no casco histórico da nosa cidade.

O Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, compareceu hoxe ante os medios de comunicación, na súa habitual rolda de prensa semanal, para dar conta da súa viaxe a París, que terá lugar o venres 18 de marzo.

Na capital francesa, Sánchez Bugallo asistirá á reunión convocada polas Cidades Premio Europa que, segundo adiantou, celebrarán unha reunión en Compostela o próximo mes de xullo. Xa pola tarde, o alcalde compostelán participará no foro "Políticas públicas urbanas y derecho de la ciudad", auspiciada pola Unesco, ao que foi invitado para explicar o modelo rehabilitador e de dinamización urbana aplicado no casco histórico da nosa cidade.

O alcalde quixo referirse os últimos datos do aeroporto internacional de Lavacolla, nos que, segundo expresou, se pode aprezar un incremento do dous por cento no crecemento da terminal con respecto ao pasado ano. Para Sánchez Bugallo "aínda que non se poderá facer unha valoración máis poderada ata os meses de abril e maio", estes datos indican unha tendencia da que "estamos satisfeitos".

Bugallo amosouse confiado en que a entrada en funcionamento de Ryanair -que comezará a operar con Londres o vindeiro 11 de abril e con Frankfurt no mes de outubro- "permítenos esperar un ano razonablemente bó".

Así mesmo, amosou a súa satisfacción pola recente visita do director xeral de AENA e a renovación dos compromisos de mellora adquiridos coa terminal compostelá, entre os cales se inclúen a execución da nova torre de control, a ampliación e traslado da terminal, a ampliación ata as 2.500 prazas do aparcamento, etc.

De seguido, o alcalde da denominada "Operación Peleteiro". sobre a cal se amosou confiado en poder elevar ao pleno ordinario do vindeiro 31 de marzo a aprobación definitiva do plan, logo de rematarse o prazo de presentación de alegacións. Segundo informou, houbo dúas alegacións, unha por parte dunha das propietarias e outra da Asociación de Hostelería que están a ser estudadas polos técnicos municipais.

Unha vez presentados os informes destes técnicos, o plan elevarase ao Pleno da Corporación para a súa aprobación definitiva, a partir da cal "a propiedade deberá asumir toda a responsabilidade", explicou Sánchez Bugallo.

Compartir: