URBANISMO

O alcalde compostelán pide que se manteña o compromiso de rematar a Cidade da Cultura

31/01/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, sinalou que "non constitúe unha sorpresa" o anuncio da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, da paralización das obras dos edificios do Teatro da Música e de Novas Tecnoloxías da Cidade da Cultura. Neste senso a conselleira da Cultura reunirase co alcalde compostelán na terceira semana de febreiro para falar sobre a redefinición do proxecto

Sánchez Bugallo declarou que a suspensión temporal , durante 14 meses, das obras "non nos supón unha enorme satisfacción", xa que "preferiríamos que non fose asÍ", se ben, sinalou, "non pode ser a nosa obsesión rematar un ano antes ou despois", posto que o prazo inicial incluía o remate final das obras no 2004.

O alcalde de Santiago pediu á Consellería de Cultura desde o Concello asumir "un compromiso claro de que se rematen as obras" para que o proxecto da Cidade da Cultura sexa "o mellor e o máis útilaapra Galicia", intentando compensar así a paralización das obras.

Ánxela Bugallo aceptou a invitación do alcalde de Santiago para acudir a unha xuntanza a partir do 10 de febreiro para falar sobre a redefinición do proxecto. Así mesmo o alcalde de Santiago anunciou que en abril de 2006 o Concello entregará á Consellería de Cultura as súas conclusións a respecto da redefinición dos contidos das obras do monte Gaiás.

Compartir: