ALCALDÍA

Santiago achégase xa aos estándares comunitarios de nenos de 0 a 3 anos en escolas infantís públicas

31/01/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou a nova Escola Infantil de Tras Parlamento, tras o remate das obras de rehabilitación do edificio que no seu día ocupara o Departamento de Benestar Social. Esta será a quinta escola infantil da cidade e dará servizo fundamentalmente á área do Ensanche.

Coas 61 prazas desta Escola Infantil de Tras Parlamento, Santiago achégase xa aos estándares marcados pola Unión Europea, fixados en 30 prazas públicas en escolas infantís por cada 100 nenos de entre 0 e 3 anos. Sumadas as 150 prazas da futura escola de Salgueiriños, estes estándares serán superados, contando para entón a cidade cunhas 640 prazas públicas.

O alcalde referiuse a estes estándares e destacou as "espléndidas características" do centro, a súa iluminación e a "liberdade e seguridade" da que gozarán os nenos inscritos. Como no resto das escolas infantís municipais, escolleuse o mellor emprazamento posible e os mellores profesionais, que traballaron con "mimo e coidado", engadiu.

A Escola Infantil de Tras Parlamento dispón de catro unidades: unha para nenos de 0 a 1 anos, outra para rapaces de 1 a 2, e dúas unidades para nenos de 2 a 3 anos. Está dotada con diversos espazos comúns e terá un amplo horario, desde as 7:30 as 21:00 horas. O investimento nas obras foi de 350.000 euros.

Rematada a obra e unha vez se complete a dotación de mobiliario no prazo dunha semana, a Escola será posta a disposición do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, encargado da xestión, tal como sucede tamén nas escolas do Tambre e San Roque. As de Conxo e Fontiñas son xestionadas polo propio Concello. A nova Escola funcionará para o curso 2011-2012.

Compartir: