PLENO

Visto bo do Pleno ao uso sociocultural do antigo Colexio Ramón Cabanillas

28/01/2011 Na sesión ordinaria de xaneiro do Pleno municipal, a Corporación aprobou por unanimidade a ampliación de usos na reserva docente do antigo CEIP Ramón Cabanillas, no Castiñeiriño, agora trasladado a Pontepedriña. Deste xeito, poderáselle dar un uso sociocultural a estas instalacións.

A Concellería de Centros Socioculturais estima o actual Centro Sociocultural Agustín Bueno non é suficiente para albergar o amplo conxunto de actividades programadas polo Departamento e para o dinámico movemento asociativo da zona. Por todo isto, pensouse que as instalación do antigo colexio, "tanto pola súa estrutura e distribución como polo seu estado de conservación, reúnen condicións para dar resposta, cuns custos mínimos para o Concello, a algunhas destas necesidades e demandas. Ademais, a súa utilización repercutirá positivamente na conservación e mantemento do edificio".

En base a estas razóns, a Xunta de Goberno acordara iniciar os trámites para a desafectación educativa destas instalacións e así dedicalas a un uso sociocultural. Pero esta utilización era incompatible cos usos previstos polo Plan Xeral para a parcela, e de aí a autorización da ampliación de usos aprobada polo Pleno.

Balance da Concellería de Participación Cidadá
Noutro punto da orde do día, a concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, compareceu a petición propia para facer balance do traballo realizado no ano e medio de vida deste Departamento. En particular, destacou a importancia que para o impulso do movemento veciñal tivo a creación da Casa das Asociacións en Cornes e os diversos espazos creados a partir da mesma: dixital, de mediación, de acción municipal e cidadanía, de lecer, de participación, de recoñecemento público, expositivo ou solidario.

Compartir: