NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Concellería de Normalización Lingüística anima os escolares composteláns a participar no obradoiro "Canta música!"

26/01/2011 A Concellaría de Normalización Lingüística colabora coa Secretaría Xeral de Política Lingüística no desenvolvemento dos obradoiros de canto e xogos tradicionais denominados Canta música!, inseridos no programa Bocaberta, que promove o uso da lingua galega entre os máis novos a través de actividades relacionadas con diversas disciplinas. A actividade, dunha hora de duración, terá lugar o vindeiro sábado, 29 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche.

A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, quere animar aos escolares composteláns a participar no Canta música!, actividade destinada a rapaces de catro a oito anos. A súa finalidade é a aprendizaxe de cancións infantís tradicionais, xogos relacionados con estas cancións e coa fala (como adiviñas, trabalinguas ou rimas), así como algunha melodía cantada acompañada dos ritmos básicos da nosa cultura musical, para o que se empregarán pandeiretas, cunchas, castañolas e outras percusións menores. Segundo avance o obradoiro, chegarase ata a música máis actual e cantaranse algunha das cancións do libro-disco de Pablo Díaz Tic-Tac.

Os obradoiros serán impartidos por Pablo Díaz e Olga Kirk, dúas persoas cunha prolongada traxectoria no eido da música tradicional galega e no ensino da mesma.

Tras a celebrada o 18 de xaneiro, a do sábado 29 será a segunda entrega destes obradoiros. Aínda haberá outra, no mesmo lugar e á mesma hora, o 26 de marzo.

Compartir: