XUNTA DE GOBERNO

Herba artificial para o campo de fútbol de San Lázaro e superficie de fútbol-7 en Belvís

25/01/2011 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, adxudicou provisionalmente as obras para dotar de herba artificial ao novo campo de San Lázaro, así como as de reforma do campo de Belvís. Entre outros asuntos, tamén se acordou a prorroga do programa de Educación de Rúa.

A adxudicación da obra no campo de fútbol de San Lázaro, por importe de 276.930 euros, permitirá instalar herba artificial neste recinto, situado entre as rúas Penamaría e San Lázaro, a carón do SERGAS. Esta actuación financiarase con cargo a un convenio asinado polo Concello coa Deputación da Coruña o 31 de xullo de 2010.

Este campo de fútbol ten dimensións regulamentarias (65 por 105 metros) e dará servizo principalmente aos clubs Amio e Vitoria.

Tamén en materia de Deportes, determinouse a empresa que, por 118.836 euros, realizará as obras de reforma do campo de fútbol de Belvís, no marco das accións do programa Urbana Santiago Norte. O obxectivo desta acción é construír un campo de fútbol-7 regulamentario na zona do parque de Belvís, co fin de apoiar o labor que están desenvolvendo as entidades do barrio.

Benestar Social
A proposta da concelleira de Benestar Social, aprobouse a prorroga do servizo encargado do programa municipal de Educación de Rúa por un período de seis meses, a contar dende o 30 de xaneiro. O importe desta prórroga é de 22.920 euros máis IVE. Precisamente, vénse de publicar a memoria de actividades deste programa correspondente a 2010, dispoñible a través dun enlace na portada desta páxina web.

Medio Ambiente
No ámbito de Medio Ambiente, acordouse a resolución de mutuo acordo tanto do contrato das obras como do subministro para o espazo multifuncional para usos socioculturais e deportivos previsto para o parque de Galeras. Cómpre lembrar que este proxecto, incluído nos FEESL 2010, foi finalmente substituído por un proxecto de remodelación das especies arbóreas e de restauración de beirarrúas no polígono das Fontiñas.

Promoción Económica
Outro dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno foi o inicio das actividades do programa Compostela Activa 2011, así como a solicitude á Deputación da Coruña dunha axuda por 65.000 euros para o mesmo. Esta iniciativa inclúe actividades coma o Concurso de Novas Ideas Empresariais, as Xornadas do Emprendedor, accións formativas e campañas de promoción.

Urbanismo e Obras
Finalmente, deuse o visto bo ao proxecto de mellora dos accesos ao ámbito do SUNP-4 do Camiño Francés. Esta actuación será presentada máis polo miúdo polos concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón, e Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, nunha rolda de prensa o mércores 26.

Documentos relacionados



Compartir: