PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Unha exposición rescata as fotografías tomadas polos participantes no programa "Fai o Camiño Connosco"

21/01/2011 Inaugúrase o sábado 22, a partir das 12:00 horas, na Casa das Asociacións, a exposición Instantáneas do Camiño, que recolle unha escolma das fotografías presentadas polos participantes do programa Fai o Camiño Connosco. A mostra estará aberta ata o 25 de febreiro.

Finalizado o programa, celebrado no marco das celebracións do Ano Santo Xacobeo, a Concellaría de Participación Cidadá pretende rescatar nesta exposición algúns dos momentos singulares nos que a cidadanía tivo a oportunidade de participar activamente grazas a esta iniciativa. Das 2.500 fotos recibidas, o espectador poderá transitar por unha escolma de 285 imaxes, nun percorrido que amosa diversas olladas persoais, divertidas, curiosas e significativas das diferentes rutas.

Máis alá da calidade técnica das imaxes, nos diferentes paneis o espectador atoparase con instantáneas que reflicten a beleza da paisaxe, momentos de soidade reflexiva, ou a ledicia e complicidade nos xantares de grupo, logo da superación persoal e o esforzo compartido nun espazo de convivencia.

A intención da Concellaría de Participación Cidadá é facer visible estas olladas -as veces anónimas- dos 1.153 participantes no programa, rexistrándoas en imaxes como verdadeiras pegadas do camiño. Para evocalas, para retelas na memoria e para compartilas co público compostelán.

Participarán na inauguración desta mostra a concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez Silva, e os responsables do Club de Sendeirismo Vía Láctea, colaboradores no programa, que farán unha presentación multimedia.

Compartir: