EDUCACIÓN

Os responsables educativos das sete grandes cidades reiteran a urxencia dunha reunión co conselleiro de Educación

20/01/2011 Convocados polos Concellos de Vigo e Santiago, concelleiros e técnicos de Educación das cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra celebraron en Ourense a IV xuntanza do Grupo de Traballo sobre Concellos e Educación. Dábase así continuidade ás reunións mantidas anteriormente en Santiago, Vigo e Lugo.

Na xuntanza deuse conta, entre outros asuntos, das xestións realizadas polo grupo de traballo co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e coa Consellería de Educación da Xunta . Reiterouse a urxencia da reunión solicitada co conselleiro de Educación, que ata agora non tivo resposta. Con tal motivo, as concelleiras de Educación das sete cidades presentarán nos plenos dos seus respectivos concellos unha moción para instar á Xunta a que dea cumprida resposta a esta demanda.

Escolas infantís na Consellería de Educación
Xa no eido do traballo das comisións sectoriais do grupo e, en particular, na da rede educativa de educación infantil, insistiuse en demandar que a rede de escolas infantís municipais sexa competencia da Consellería de Educación. Tamén se pide a concreción dun plan de financiamento específico para sostenemento das escolas infantís. Neste sentido, proponse o estudo de fórmulas de colaboración, mediante convenios marco que estipulen distintas porcentaxes de aportación económica por parte do Goberno autonómico, Administración local e familias usuarias.

Respecto das escolas municipais de música e artes escénicas, denúnciase o sistema actual de axudas, por que din que non responde a criterios obxectivos de valoración, nin contribúe esencialmente ao reparto das cargas orzamentarias que os municipios soportan no proceso de xestión deste sector educativo, maioritario na poboación e básico para nutrir ás outras áreas da educación regrada. Tratouse tamén a necesidade de redefinir o modelo pedagóxico e a súa integración no conxunto das ensinanzas artísticas especializadas, regradas e non regradas.

Planificación para as obras de conservación
Outra cuestión da que se falou foron as obrigas municipais sobre obras de conservación, reparación e mantemento en centros de ensino público. Púxose de manifesto a situación actual de incomunicación entre as administracións local e a autonómica. Ademais, exprouse a necesidade de contar cun diagnóstico sistematizado da situación material do equipamento escolar de Galicia, que sirva de base á redacción do Plan de Modernización da Rede Escolar de Galicia.

Igualmente, os responsables de Educación din que cómpre aclarar a distribución de funcións e obrigas entre as administracións, posibilitando unha actuación concertada baseada no consenso, a planificación, a mellora das infraestruturas e os acordos comúns. Tamén se manifestou a necesidade urxente de completar os compromisos sobre financiamento autonómico de subministros de combustible e enerxéticos aos centros.

O mal estado físico dos equipamentos educativos de Galicia está a supoñer, segundo os técnicos, un enorme e insostible gasto de mantemento por parte dos Concellos. Cren que a planificación dos investimentos debería centrarse inicialmente naqueles aspectos que máis incidencia teñen sobre a seguridade e a confortabilidade da edificación: cubertas, carpinterías exteriores e interiores, instalacións eléctricas, de calefacción e servizos hixiénicos ou modernización tecnolóxica, entre outros.

Apertura fóra do horario lectivo e comedores escolares
Sobre o Programa de Apertura de Centros Escolares Fóra do Horario Lectivo, o Grupo manifesta o seu desacordo co mesmo, porque "non respecta os programas que no ámbito da conciliación da vida familiar, persoal e laboral os concellos veñen desenvolvendo nos últimos vinte anos cun grande investimento de recursos humanos e materiais. Por todo isto, pídenlle á Consellería de Educación a anulación da actual convocatoria tal como está formulada, e solícitase unha entrevista co departamento autonómico para informar das alegacións consensuadas polo Grupo.

Na reunión de Ourense tamén se debateu sobre a experiencia dos concellos participantes no financiamento, xestión e perspectivas do servizo de comedores escolares. Púxose de manifesto a diversidade de prestacións e a falta dunha regulación autonómica do servizo. O Grupo quixo deixar constancia do enorme esforzo presupostario dos concellos neste ámbito, sen que sexa unha competencia propia deles e sen que este esforzo teña unha correspondencia proporcionada por parte da Xunta de Galicia.

Para rematar, acordouse presentar en cada concello unha moción plenaria na que se solicita a anulación dos procedementos que regulan a convocatoria da Consellería de Educación relativa á utilización dos centros fóra do horario lectivo, e a concertación cos concellos do financiamento dos programas que prestan neste ámbito, pasando dunha política de subvencións a outra máis xusta e racional de financiamento conveniado.

Compartir: