TURISMO

O Concello promociona o 800 aniversario da Catedral e a Cidade da Cultura en Fitur

17/01/2011 Turismo de Santiago participará en Fitur promocionando a cidade como destino de calidade de referencia internacional. A delegación compostelá estará encabezada polo propio alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen estará en Madrid o venres 21, e polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias.

Nas diferentes reunións que Turismo de Santiago manterá con directores de OETs, axentes de viaxes, touroperadores, xornalistas e diferentes axentes do sector, farase especial fincapé nos dous acontecementos máis importantes que vivirá a cidade neste ano 2011: a celebración do 800 aniversario da consagración da Catedral e a apertura ao público dos dous primeiros edificios da Cidade da Cultura.

O martes 18, o Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB) participará en Fitur congresos, que este ano reduce a súa duración de dous a un día. Nesta xornada, o SCCB promocionará a cidade como un destino cunha ampla oferta tanto hoteleira como de infraestruturas, como a propia Cidade da Cultura, para a celebración de Congresos e Xornadas. Farase especial fincapé nas posibilidades que Santiago ofrece para viaxes de incentivos, coas múltiples localizacións singulares que ten a cidade. Ademais, o concelleiro Xosé Manuel Iglesias participará na reunión do Comité Executivo da Spain Convention Bureau.

Na mesma xornada, Iglesias acudirá á Conferencia Iberoamericana de Ministros e Empresarios do Turismo, Cimet. A décimo cuarta edición deste evento reunirá as principais organizacións empresariais e os grandes grupos comerciais, xunto a redes minoristas e touroperadores, que terán a ocasión de participar nun debate aberto cos ministros de Turismo de Iberoamérica.

Do 19 ao 21, Fitur estará dedicado aos profesionais do sector. Turismo de Santiago, que estará presente no expositor de Turgalicia, celebrará o día 20 unha presentación aos medios da colaboración que dende hai anos se desenvolve coa cidade de Tanabe (Xapón) para a promoción conxunta do Camiño de Santiago e o Camiño de Kumano, que son as dúas únicas rutas espirituais declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Na presentación, Iglesias estará acompañado por representantes tanto da cidade de Tanabe como da JNTO, que é a entidade de promoción turística do país nipón.

O día 21, Turismo de Santiago estará presente na asemblea xeral de Saborea España, entidade composta pola Asociación Española de Destinos para a promoción do Turismo Gastronómico, da cal Santiago é membro fundador, e outras asociacións que representan tanto ao sector turístico como ao gastronómico.

Compartir: