CULTURA

Chega a Sons da Diversidade Carmen Linares, a gran dama do flamenco

14/01/2011 Nacida en Linares (Xaén), Carmen Linares é unha das voces máis delicadas e sofisticadas da música actual. Ela será a protagonista do terceiro concerto da tempada 2010-2011 do ciclo Sons da Diversidade, organizado pola Concellaría de Cultura. A cita será o domingo 16 de xaneiro ás 21:00 horas e ás entradas xa están á venda na web de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O prezo é de 20 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

Carmen Linares presentará no Auditorio de Galicia o espectáculo La poesía en el cante, onde á voz de Carmen Linares súmanse percusión, guitarras, palmas, coros e o baile de Adolfo Lobato para emocionar de maneira sincera ao público. Esa mestura de autenticidade e coñecemento é o que salientan críticos como Ángel Álvarez Caballero: "Na súa voz detéctase sempre un tremendo traballo de recreación, desentrañando o sentido último de cada compás, de cada terzo, para darnos despois o cante fluído, inspirado e harmonioso. O cante de Carmen Linares é o do laio, o cante que doe, que magoa. Detrás de todo están o rigor e a autoesixencia dunha cantaora".

A procura constante de novas formas de expresión levou a Carmen Linares a combinar o cante jondo con agrupacións de cámara, orquestras sinfónicas ou espectáculos dramatizados. A primeira cantaora invitada pola Orquestra Filharmónica de Nova York para actuar no Lincoln Center acumula grandes fitos da súa ampla discografía, como a gravación de Las canciones populares antiguas de Lorca e o disco de referencia Antología de la mujer en el cante. A súa contribución ao flamenco foi recoñecida con importantes galardóns, entre os que destaca o Premio Nacional de Música 2001 e a Medalla de Ouro das Belas Artes 2006.

Terceira cita da tempada
Sons da Diversidade é un ciclo de concertos que chega a súa oitava edición como unha referencia da programación cultural do país. Sons é unha vía de achegamento ás diferentes culturas do mundo a través da súa música. A tempada 2010-2011 abriuna Berrogüetto en novembro, seguido de Lokua Kanza en decembro. Despois de Carmen Linares pasarán polo Auditorio de Galicia Mari Boine, Ana Moura, Hindi Zahra, Eleftheria Arvanitaki e Ana Belén e Rosa Torres-Pardo.

Direcciones relacionadas



Compartir: