PECHE DA PORTA SANTA

O peche da Porta Santa puxo fin a un exitoso e multitudinario Ano Santo

31/12/2010 O arcebispo compostelán, Julián Barrio, pechou simbólicamente a Porta Santa, dando así por terminado o Ano Santo 2010, marcado polos milleiros de visitantes e peregrinos chegados a Compostela, e pola satisfacción maioritaria de todos eles polo seu paso pola capital de Galicia.

O alcalde cualificara na súa última rolda de prensa do ano como "sobresaliente" este Xacobeo, especialmente no eido turístico, destacando que o 97% dos visitantes, segundo as enquisas, marcharon de Santiago satisfeitos. Neste sentido, expresou a súa satisfacción pola publicidade que á cidade lle renderá o "boca a boca". Xosé A. Sánchez Bugallo e boa parte da Corporación asistiron á cerimonia do peche da Porta Santa, na que actuou como delegado rexio o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Numerosos composteláns e visitantes presenciaron dende a praza da Quintana os actos de clausura da Porta Santa. Julián Barrio uniu lentamente as súas dúas follas e pechounas con chave. Así, permanecerá a Porta ata o 31 de decembro de 2020, no umbral do seguinte Ano Santo.

Tras este simbólico acto, leuse unha mensaxe do Papa Bieito XVI, un dos ilustres visitantes deste Xacobeo, que lembrou o seu paso como peregrino por Santiago de Compostela e o seu encontro co sepulcro do Apóstolo. Dixo conservar na súa alma o recordo da grata estancia en Santiago e falou dunha Europa convidada a "vigorizar as súas raíces cristiás e así potenciar o seu compromiso pola solidaridade e a firme defensa da dignidade do home".

Logo disto, xa por Praterías, toda a comitiva dirixiuse ao interior da Catedral para continuar coa cerimonia relixiosa, na que o arcebispo compostelán leu a súa homilía. Julián Barrio tivo palabras de agradecemento para os que fixeron posible un exitoso Ano Santo: "O meu recoñecemento e agradecemento ao Cabido Metropolitano, aos confesores, ás relixiosas, aos organistas e á coral da Catedral, aos monagos, ás persoas empregadas e voluntarias, aos membros da orde de san Miguel, ás persoas de seguridade, aos membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, aos membros da Policía Local, aos medios de comunicación, ao persoal médico e sanitario, que contribuíron xenerosa e dispoñiblemente á organización e bo funcionamento da programación pastoral. Igualmente desexo manifestar a miña sinceira gratitude ás diferentes institucións, á Xunta de Galicia, ao Delegado do Goberno e ao Concello de Santiago polas axudas e servizos prestados para unha boa acollida dos peregrinos".

Do mesmo xeito que na Ofrenda de Translación, os actos comezaron coa chegada do delegado rexio á praza do Obradoiro para pasar revista ás tropas e saudar ás autoridades. No acto de peche da Porta Santa, ademais do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, participaron o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o ministro de Fomento, José Blanco; o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; os conselleiros da Xunta, os concelleiros da Corporación e diversas autoridades civís e militares.

Compartir: