CULTURA

"Basilio, o meu amigo imaxinario", de Galitoon, de novo no Principal o xoves 30

28/12/2010 A compañía de monicreques Galitoon, que tivo que cancelar as funcións dos días 4 e 6 de decembro por problemas de saúde dun dos protagonistas, estará no Principal de novo representando Basilio, o meu amigo imaxinario o xoves 30, con dobre sesión, ás 17:30 e ás 19:30 horas. É a segunda xornada de Galitoon no Principal, logo das dúas funcións do 22 de decembro.

Trátase dun espectáculo que aposta polo gran formato cunha historia que mestura personaxes de carne e óso con monicreques. A obra é unha viaxe a través da vida dunha nena, dos seus amigos e dos seus medos. Raquel é unha rapaza moi sensible e cunha imaxinación desbordada, por iso, os pequenos medos que a maioría de nenos e nenas da súa idade xa superaron, nela seguen vivos. Témelle á escuridade, aos tronos, ás sombras, ao vello armario da avoa, a que non a queiran as súas amigas, a que Pablo, o rapaz que lle gusta, pense que ela non é unha rapaza maior. Aínda que Raquel quere ser grande, séguenlle gustando os seus vellos xoguetes de pequena, sobre todo os seus peluches Basilio, agasallo do seu avó, e Braulio, obsequio do seu pai. Todos os días, Raquel fai o mesmo ao chegar do cole: aburrirse, segundo di ela mesma. Ata que unha tarde, unha chamada telefónica, unha caixa, unha tormenta, o armario da avoa e os seus peluches máis queridos, obrigarán a Raquel a facer unha viaxe inesperada ata os confíns dos seus medos. Esta obra, cunha duración de 50 minutos, está dirixida a nenos e nenas a partir dos 5 anos. As entradas, a 5 euros para os adultos e 3 para nenos e nenas, pódense mercar na billeteira do Teatro Principal o mesmo día da función en horario de 12:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas.

O espectáculo forma parte de Apalpando as Ilusións, a programación do Nadal da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, que inclúe 135 actividades para toda a familia do 1 de decembro ao 7 de xaneiro: obradoiros, maxia, música, teatro, monicreques, cine e accións para conciliar a vida laboral e familiar.

Compartir: