TURISMO

Xosé Manuel Iglesias asegura que a Xunta decapita ao sector turístico de Compostela co novo mapa aéreo de baixo custo

28/12/2010 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, compareceu en rolda de prensa para valorar o novo mapa aéreo das liñas de baixo custe que onte deu a coñecer a Xunta de Galicia. Iglesias destacou que a Xunta remata o ano como o comezou, lembrando que "comezouno promocionando o Ano Santo coa Torre de Hércules e celebrando a súa inauguración en Mondariz", continuou "promovendo unha política de congresos na que primaban os non realizados en Santiago e sacando unha campaña de publicidade sobre o Camiño de Santiago onde se omitía a palabra Santiago" e agora "remátao cortándolle a cabeza de novo a Santiago ignorando que, facendo iso para igualar Lavacolla por debaixo aos outros aeroportos, o que fai é cortarlla tamén ao resto do país"

O concelleiro de Turismo indicou que a Xunta de Galicia "quítanos a conexión con Italia vía Roma, un dos nosos principais mercados turísticos", ao que hai que engadir que ofrece como alternativa "unha insólita e absurda dobre conexión con Suíza, mercado secundario de 8 millóns de habitantes. Non deben saber que estas dúas cidades están separadas por só 280 quilómetros". Para ilustrar o peso do que supón o turismo italiano e suízo en Santiago, o concelleiro destacou as consultas que se recibiron na oficina de turismo do Concello. En 2010 os italianos fixeron 11.519 consultas; os suízos, 1.055. Ademais, destacou tamén que, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, Italia é o primeiro lugar de procedencia do turismo estranxeiro en Santiago, por diante de Alemaña, Portugal, Francia e Reino Unido. Iglesias quixo deixar claro tamén que "non é certo ao cen por cen que conservamos o enlace con París porque ese voo deixa de operar todo o ano para ser unha conexión de temporada alta."

"A Xunta de Galicia da austeridade gasta entre Vigo e a Coruña 2.250.000 para subvencionar só 2 voos internacionais (Bruxelas e Amsterdan), porque os outros dous son en España (Sevilla e Valencia). É dicir pagan/pagamos para que nos vaiamos a tomar o sol en España e non para captar ingresos do turismo internacional.", apostillou o concelleiro, que engadiu: "Coas cifras de pasaxeiros deste ano (ata novembro) a Xunta gastará en Santiago 39 céntimos, na Coruña 1 euro e en Vigo 1’2 euros por pasaxeiro". Polo tanto, segundo Iglesias, a Xunta "relega a Santiago a pesar de volver a demostrar que é o único destino rendible e de interese para as compañías", ante o que se plantexa a pregunta: "¿qué poderiamos conseguir como país se os esforzos se concentraran en Santiago?" e respondeu: "Unha base operativa das características da que Porto negociou con Ryanair suporía entre 15 e 20 enlaces con mercados emisores importantísimos de Europa. Coa consecuente creación de riqueza e postos de traballo. Hoxe Porto xa ten 5 millóns de viaxeiros."

O concelleiro quixo destacar, polo tanto, que "a Xunta premia o fracaso" explicando que "Lavacolla é, no que vai de ano, o aeroporto que máis medra no Estado cun 11%. A Coruña só medra un 3% a pesar de ter destinado o ano pasado 4 millóns de euros a subvencionar voos e Vigo cae case un 1%." Con todos estes datos enriba da mesa, segundo o concelleiro demóstrase que "a decisión tomada onte non responde a ningunha estratexia nin turística, nin aeroportuaria.". O concelleiro ademais quixo salientar que cando o Goberno autonómico falaba de que se ía tomar unha decisión "en clave de país" e atendendo aos intereses xerais, "debería preguntarlle agora aos cidadáns de Vigo se van viaxar a Roma pola Coruña ou Porto, ou aos do norte da provincia de Lugo se é mellor ir a Vigo ou a Lavacolla. A súa decisión foi tomada con criterios alleos aos criterios de boa xestión dos recursos públicos e curtoplacistas", asegurou.

Xosé Manuel Iglesias rematou a súa comparecencia afirmando que a Xunta de Galicia é dende onte o principal aliado do aeródromo de Porto. "Levamos anos advertindo que, de seguir as cousas como estaban, o Norte de Portugal ía ser un competidor non só para a captación de voos senón, e o máis preocupante, de turismo europeo. Unha decisión como a tomada pola Xunta, coa repetición de destinos, a eliminación de enlaces determinantes, etc, o único que fai e colocar a puntilla a un escenario preocupante." Ademais, quixo deixar claro que, aínda que "a Xunta se escuda en que esta é unha decisión do Comité de Rutas, a decisión de cómo se reparten os fondos é toda súa, e polo tanto é unha decisión que só cabe interpretarse en clave política en vez dende o punto de vista turístico."

O concelleiro pechou a comparecencia asegurando que Santiago xa expresou hai tempo cales eran as súas prioridades e "por suposto que non son as de ter dous voos a Suíza, senón afianzar a conexión con Italia creando nova liña a Milán; abrir novos mercados en Alemaña vía Munich, Berlín ou Dusserdorf; consolidar Francia co voo a París; e abrir destinos totalmente novos como Países Baixos, países nórdicos, Polonia e América".

Compartir: