ALCALDÍA

Sánchez Bugallo cre que o reparto de axudas para as liñas aéreas de baixo custo é "profundamente inxusto"

27/12/2010 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, considera "profundamente inxusto" o reparto de axudas para os voos de baixo custo que anunciou a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, posto que "non obedece a ningún criterio entendible desde o punto de vista da rendabilidade turística". Sánchez Bugallo non entende este reparto "salvo por razóns puramente locais e de orde inmediata", e lamenta que a Xunta "acceda a estes intereses curtopracistas".

Ademais, o alcalde considera fundamental repoñer en Santiago a liña de Roma "ou outra que a substitúa". "Non podemos aceptar un reparto de criterios que castiga o aeroporto con mellores resultados", dixo, e lembrou que a Xunta ten datos precisos do que lle custaron as liñas subvencionadas en cada aeroporto durante 2010 e sobre a rendibilidade de cada un. Os últimos datos de AENA confirmaron a suba do tráfico de viaxeiros en Lavacolla, de xeito que este 2010 se achega aos 2,2 millóns de viaxeiros.

Compartir: