CULTURA

Sae á luz o libro "Sky Shout. A pintura despois da pintura"

18/03/2005 O Concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou no Auditorio de Galicia o libro "Sky Shout. A pintura despois da pintura", obra do crítico David Barro e do artista Álvaro Negro. O libro nace a propósito da exposición que leva o mesmo nome.

O libro "Sky Shout. A pintura despois da pintura" é o colofón á exposición homónima e que permanecerá aberta no Auditorio de Galicia ata o 27 de marzo. Ao longo de 150 páxinas, os seus autores, o crítico David Barro e o artista Álvaro Negro, tratan de reflexionar arredor do que significa a pintura hoxe en día.

Artellado en tres capítulos, o libro introdúcenos no seu primeiro capítulo no proxecto da exposición, desde un punto de vista máis xeral e conceptual, contextualizándoo dentro da corrente de exposicións e publicacións que ultimamente se centraron respecto á situación actual do medio.

Os autores declaran que o seu punto de partida está no debate que os pintores formulan sobre a mirada e a imaxe, na actualidade, é dicir, nas expresións pictóricas que van máis alá de ideas tradicionais como as de xénero ou estilo.

Destácase a década dos 60 como o punto de inflexión respecto á modernidade, cando se racha coa tradición e se poñen os cimentos de actitudes e conceptos da pintura contemporánea.

No segundo capítulo, a temporalidade da imaxe céntrase nunha serie de autores e obras que se situaron na terra de ninguén, entre campos tradicionalmente separados como a pintura, a fotografía ou o video, pero que conflúen en cuestións relacionadas co tempo.

Por último, o libro complétase cun texto de carácter máis historicista. Baixo o epígrafe de "O fin do fin da pintura" o pintor Álvaro Negro analiza o tema cunha visión obxectiva que o retrotrae ás súas orixes, aos tempos das primeiras vangardas e da industrialización.

Compartir: