ALCALDÍA

Nadalxogo, o espazo ideal para estas festas

23/12/2010 Botou a andar o programa Nadalxogo 2010, unha atractiva oferta de actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil de Compostela. Todos os días, agás o 24 e o 31 de decembro, o Multiúsos de Sar abrirá as súas portas en horario de 17:00 a 21:00 horas a un mundo de lecer con obradoiros, teatro, contacontos e deportes, no que as familias compostelás atoparán un espazo ideal onde compartir estas singulares festas.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou esta nova edición de Nadalxogo, que se abriu cun concerto de Pablo Díaz no que presentou o seu novo traballo musical, Tic Tac, ante un público que, nesta primeira xornada, entrou de balde.

Este Nadalxogo conta un ano máis co Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que este ano xira en torno á obra Tintimán en Compostela, de Jaureguízar, cunha programación diaria a disposición dos asistentes na oficina de información. Tamén destaca a actividade denominada A Caixiña dos Mistos, con obradoiros entre os que se inclúe un de plastilina e outro sobre cinema infantil sobre rodas. E cada día, hai unha programación específica con pallasos, maxia e moita animación.

A oferta deportiva inclúe tenis de mesa, bádminton, deporte Wii e esgrima ou saltos nas camas elásticas. Tamén hai obradoiros de cestería, encadernación, abelorios, gomaespuma e papiroflexia. Entre as actividades lúdico-recreativas cómpre citar a pista de coches de choque, o carrusel de cochiños, o carrusel Dragón-re ou os inchables.

Espazo para os máis pequenos
Como en pasadas edicións, nesta tamén hai un espazo específico para os máis pequenos, de 3 a 5 anos, con estruturas adaptadas para eles: parque de xogos, parque infantil de tráfico, obradoiros varios e outras actividades. Os pais dispoñe dun lugar para o cambio de cueiros e dunha zona de merenda.

Compartir: