CULTURA E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Inaugúrase a exposición "Morrer de infancia", do Grupo Revela, nos centros socioculturais de Vite e Fontiñas

22/12/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o alcalde de Oleiros, Ángel Seoane; e o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios, visitaron no Centro Sociocultural de Vite a mostra de fotografía Morrer de infancia, que se enmarca dentro da programación cultural do Foro 2010, que durante este mes ten lugar en Santiago de Compostela.

Morrer de infancia é unha exposición que consta de varias imaxes, das cales 45 estarán estes días en Compostela, 25 no Centro Sociocultural José Saramago de Vite e outras 20 no CSC de Fontiñas. Foi realizada polo proxecto Revela do Concello de Oleiros e inclúe fotografías de 25 fotoxornalistas, que reflicten as duras condicións que viven os nenos e nenas nas zonas en conflicto de todo o mundo: Malí, Guiné-Bissau, Ghana, Burundi, Etiopía, India, Indonesia, Chad, Afganistán, Tailandia, Venezuela...

A mostra amosa unhas imaxes "moi duras", que se centran no "sufrimento que están a vivir millóns de nenos e nenas en todo o mundo", segundo afirmou García Conde. "Son fotos difíciles de ver, pero precisamente porque queren chamar a atención sobre a situación dramática de moitos países", indicou.

Mentres, Manuel Dios salientou a variada programación cultural do Foro 2010, do que el é coordinador, que trouxo a Santiago oito mostras arredor da paz, entre outras actividades culturais. Ademais, gabouse do "éxito extraordinario" do Foro e de que durante este mes "Compostela foi unha referencia internacional" na cultura da paz, con tres grandes congresos internacionais, e que deu como resultado, entre outras cousas, a Declaración de Compostela, que "será enviada á ONU", na que se reclama que a paz sexa un dereito humano.

Pola súa banda, o alcalde de Oleiros agradeceu a colaboración tanto do Concello de Santiago coma do Seminario Galego de Educación para a Paz para dar a coñecer o proxecto Revela, que leva varios anos desenvolvéndose dende este municipio coruñés.

Compartir: