EDUCACIÓN

O grupo Concellos e Educación constitúe as súas comisións de traballo

22/12/2010 O xoves 23 de decembro, ás 10:00 horas na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (rúa Varsovia, 4 C – 6º planta), constituiranse as comisións do Grupo de Traballo "Concellos e Educación", formado polos concellos de Santiago, Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol. Posteriormente, ás 11:15 horas, celebrarase unha rolda de prensa para explicar os obxectivos destas comisións

Nos últimos meses, as 7 cidades de maior entidade poboacional de Galicia veñen traballando en diferentes temas educativos que lles parecen de especial transcendencia dende a perspectiva municipal, convocatoria realizada naquel momento polos concellos de Santiago e de Vigo. Técnicos e políticos comparten esta preocupación que ten por obxecto manter e mellorar a prestación de servizos públicos educativos.

Dende o principio, os concellos convocantes consideraron imprescindible a mellor coordinación e o apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Dende a primeira reunión en Santiago, que contou coa presenza do presidente desta entidade, Carlos Fernández, fóronse mantendo de maneira itinerante diferentes xuntanzas nas diferentes cidades integradas nesta rede de traballo educativo municipal.

Agora prodúcese o acto formal de constitución das catro comisións de traballo integradas por políticos e técnicos que pretenden continuar de maneira estable este labor de formación, debate e busca de propostas que redunden no obxectivo de mellora educativa en cada un dos concellos. Pero sempre, dende unha perspectiva de reflexión conxunta e de busca de interlocución coas administracións competentes, nomeadamente a Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

As comisións de traballo consideradas prioritarias son as seguintes:

- Rede educativa 0-3 de Educación infantil: Comisión de traballo para a elaboración dun modelo de xestión e financiamento dende a perspectiva municipal.

- Escolas municipais de música e artes escénicas: comisión de traballo destinada a definir un modelo de xestión, financiamento e deseño curricular.

- Obrigas municipais sobre obras de conservación, reparación e mantemento en centros de ensino público. Plan de modernización dos equipamentos escolares de Galicia: comisión de traballo destinada a definir o estudo de propostas sobre o estado xeral de conservación dos centros de ensino públicos de infantil e primaria e a actuación concertada entre a Administración Local e Autonómica para a súa mellora e modernización.

- Programa de apertura de centros escolares fóra do horario lectivo: comisión de traballo destinada á elaboración dunha proposta de modificación da actual convocatoria de subvencións e á definición dun modelo de xestión municipal de programas de apertura de centros fóra do horario lectivo.

Compartir: