ALCALDÍA

O alcalde asistiu en Madrid ao acto de sinatura do convenio para a restauración do Pórtico da Gloria e do seu entorno

21/12/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu en Madrid ao acto de sinatura do convenio de colaboración para a restauración do Pórtico da Gloria e do seu entorno entre o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o ministro de Fomento, José Blanco. Estas obras financiaranse con cargo aos fondos xerados para o 1% Cultural pola contratación de obra pública.

As obras terán un custo total de 364.222 euros, dos cales o Ministerio de Fomento aportará 273.166 euros (75% da actuación). O resto correrá a cargo do Cabildo Metropolitano da Catedral de Santiago.

A Catedral de Santiago péchase cara a praza da Quintana, no seu frente oriental, con dúas pezas do século XVII, levantadas no auxe da escenografía barroca que ocultou a cabeceira románica: o muro liso que se estende dende o extremo norte ata o quebro en torno ás capilas absidiais, incorporando a entrada ao pequeno atrio da Porta Santa; e o frente monumental do Pórtico Real, flanqueado polo corpo de garda (hoxe utilizado como tenda e almacén) que chega ata o extremo meridional. Este segundo tramo é o obxecto deste proxecto.

As principais actuacións que se executarán son as seguintes:

• Reapertura da saída da escaleira á terraza, actualmente condenada, e a súa cobertura cun corpo de estrutura lixeira.
• Levantamento do enlousado sobre a terraza e nova impermeabilización, enlousado e canles de evacuación de auga.
• Consolidación de volumes escultóricos afectados e restauración de pezas de cantería de fachada: cornixas, capiteis, basas, xambas, balaustrada, escudo e remates.
• Rexuntado de aparello, asegurando a estanqueidade e limpeza e extracción de manchas de sales.
• Restauración da balconada de ferro e dos seus pasos en voadizo e, en xeral, da reixería, colocando unha nova reixa que peche a esquina sur.
• Substitución de carpinterías de madeira na planta baixa e restauración e reparación do resto da carpintería.
• Execución e colocación de novas vidreiras nas fiestras da Capela do Pilar.
• Ordenación e trazado da acometida eléctrica, a súa distribución na terraza e a súa entrada ao edificio polo triforio.
• No interior renóvanse pavimentos de madeira, rexúntanse e sanéanse os muros, revócase o cal e píntanse con silicatos as bóvedas.

Compartir: