FACENDA

O Goberno municipal aproba un orzamento consolidado de 117,6 millóns de euros e superávit inicial de 149.225 euros

21/12/2010 A Xunta de Goberno aprobou nunha sesión extraordinaria o proxecto de orzamento do Concello de Santiago para 2011, que sofre unha baixada do 9,22% con respecto ao exercicio 2010, como consecuencia da baixada das transferencias de capital e o "endebedamento 0" no marco do plano de equilibrio financeiro aprobado no seu día.

A concelleira de Facenda, Rosa Fernández, explicou en rolda de prensa que os ingresos correntes se manteñen nun ano de crise económica na que a forte tensión sobre o gasto corrente municipal vén derivada pola posta en marcha de novos equipamentos e infraestruturas consecuencia da política inversora dos dous últimos anos.

O orzamento municipal ascende a 95,2 millóns de euros. Os ingresos correntes mantéñense na práctica (0,20% de incremento) e o estado de gastos correntes decrece nun 1,71%.

Os gastos correntes que corresponden ao funcionamento ordinario do Concello, así como as achegas municipais aos Entes e Sociedades sofren unha forte baixada próxima ao 15% e o total do Capítulo II rebaixase nun 0,85% como consecuencia da presión que sobre o mesmo exerce o mantemento dos servizos básicos municipais e a posta en marcha dos novos equipamentos (polideportivo Fontiñas, Ludoteca, Centro de Interpretación Ambiental, etc).

O capítulo de transferencias correntes redefiniuse aos efectos de manter no mesmo nivel e contía os que se corresponden cos servizos sociais, de atención as persoas e aquelas que promoven o fomento do emprego e a cohesión social.

Dentro do Plan de Equilibrio Financeiro en vigor, o equipo de goberno dedica o aforro bruto derivado das medidas de contención do gasto á redución de débeda viva que permitirá que a finais do ano 2011 se reduza nun 12,88%, quedando estimada en 55,7 millóns de euros.

Os investimentos do orzamento do Concello vense afectados pola redución das transferencias de capital e a vontade municipal de redución do endebedamento, cuantificándose inicialmente en 8,9 millóns de euros. O investimento financiado con fondos propios increméntase notablemente con respecto ao exercicio 2010, cifrándose en mais dun millón de euros.

O total de investimentos inicialmente previstos derivados dos realizados polo propio Concello, así como das empresas con capital 100% municipal, ascenderá a algo mais de 27 millóns de euros.

Este novo exercicio económico rematará cunha serie de investimentos "en carteira" comprometidos e de carácter plurianual que se sumarán aos xa realizados e que, ata o ano 2014, se cuantifican só no programa URBANA e na remodelación do Mercado en máis de 11,7 millóns de euros. Programas como o de Rehabilitación de Vivenda, URBACT e o PARK ATLANTIC seguirán desenvolvéndose ao longo dos próximos anos.

Documentos relacionados



Compartir: