URBANISMO

EMUVISSA cifra a súa previsión de gasto no ano 2011 en 18,83 millóns de euros

20/12/2010 O Consello de Administración de Emuvissa aprobou as previsións de gasto para o ano 2011, cifradas en 18,83 millóns de euros, un 36,3% máis que no ano 2010.

Para o ano 2011 faise una previsión de ingresos de 18,8 millóns, dos cales case un 66% corresponderán ás xestións propias dos polígonos, un 31% ás vendas de terreos, e o 3% restante ás subvencións obtidas doutros organismos por diferentes conceptos.

Se no ano 2010 os ingresos se centraban nas vendas, os bos resultados obtidos nos concursos realizados este ano e as previsións dos que están fan que EMUVISSA se centre en 2011 nas actuacións de xestión de novo solo para usos industriais e en terminar a urbanización dos polígonos residenciais aínda sen rematar como Castiñeiriño e Lamas de Abade, o que multiplica por catro os ingresos esperados por xestión e reduce un 30% os ingresos por ventas. Unha previsión realista e axeitada da situación neste ano permitiu facer fronte ás condicións dunha menor demanda e preparar unha maior capacidade de xestión para o próximo ano.

Respecto dos gastos, cómpre destacar que se produce un aumento do 48% nos gastos por obra de urbanización e que se propón unha redución do 36% nos gastos xerais da empresa. No ano 2010 foi do 23% e no próximo exercicio segue facéndose un esforzo para acadar unha maior redución. Os investimentos de capital experimentan un recorte porque a xestión dos polígonos empresariais se realiza por cooperación, reducindo o investimento en expropiacións.

Continúase na liña de axustar a capacidade de actuación á situación actual e esperada para o 2011, programándose unha execución efectiva do solo necesario a curto prazo e continuando con actuacións innovadoras de carácter complementario en materia de vivenda, como é o programa de edificios tutelados que inclúe unha nova rehabilitación no 2011.

Operacións en 2011
En canto as principais operacións a realizar no 2011, resúmense en:

- Rematar a urbanización daqueles polígonos residenciais en curso (Lamas de Abade, Castiñeiriño).
- Iniciar a urbanización do solo empresarial.
- Continuar coa xestión dos futuros polígonos residenciais.
- Seguir avanzando nas novas liñas de actuación en materia de rehabilitación (PET).

Son previsións que responden á vontade do Goberno municipal de axudar dende o sector público a afrontar a situación de crise. As contas para o 2011 reflicten que EMUVISSA segue a traballar a bo ritmo a pesar das dificultades, e segue investindo a ritmo crecente para incrementar a súa oferta de contratación que permita conservar e xerar emprego.

Son previsións para seguir na liña de austeridade iniciada no 2010 e nas que se fai un esforzo inversor nun marco xeral de crise, garantindo:

- Ter sempre unha bolsa de solo para facer fronte á demanda de vivenda protexida.

- Continuar coa urbanización de solo residencial e empresarial para poder atender á demanda futura.

EMUVISSA é unha empresa pública solvente que está a desempeñar as funcións que lle foron encomendadas de xeito áxil e con resultados moi positivos. Isto produce unha capacidade de maior investimento a pesar da crise do sector.

Documentos relacionados



Compartir: