BENESTAR SOCIAL

Os rapaces de Fontiñas e Conxo deron os seus primeiros pasos como xornalistas grazas ao programa de Educadores de Rúa

20/12/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, compareceu acompañada de dúas rapazas de Fontiñas e Conxo para dar a coñecer as actividades que se viñeron realizando no marco do programa de Educadores de Rúa. Entre as mesmas, destacaron o programa radiofónico dos mozos e mozas de Conxo e o xornal elaborado en Fontiñas.

No caso de Conxo, púxose en marcha a emisora Conxo FM, autodenominada como "A radio da forza mental". Nela, rapaces e rapazas de entre 10 e 18 anos lograron sacar ás ondas un programa semanal no que falar de todo o relacionado co barrio: as obras, os lugares favoritos, os maiores, etc. En total, realizaron 16 programas, inicialmente emitidos a través da Cadena Ser e posteriormente a través do blog conxofm.blogspot.com.

Pola súa parte, rapaces de entre 12 e 16 anos de Fontiñas lanzaron á rúa "O mirador". O novos reporteiros trasladaron ao papel todo o relacionado co seu barrio e co propio traballo como educadores de rúa. O primeiro número saíu en outubro e xa está listo o de novembro, que pode descargarse dende a páxina web de Compostela Integra. Ao mesmo tempo, repártese en formato papel polo barrio.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade indicou que estas iniciativas rematan agora co fin do ano, pero a intención municipal é de continuar en febreiro ou marzo coas iniciativas de Educación de Rúa, neste caso tamén estendéndoas ao barrio de San Pedro e á área de Vite e Salgueiriños.

Compartir: