COMERCIO

Vinte e nove comercios de Compostela inscribíronse na Edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo

16/12/2010 Vintenove comercios de Compostela inscribíronse na edición de Nadal do VII Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2010, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Os sectores representados son os de moda e complementos, alimentación, artesanía, óptica, iluminación e fotografía, entre outros.

A edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo está dirixida a todos os establecementos comerciais da cidade. Premiaranse tres comercios, que recibirán campañas publicitarias en medios de comunicación locais por valor de 4.000 euros para o primeiro clasificado, 3.000 euros para o segundo e 2.100 euros para o terceiro. En total repartiranse 9.100 euros en premios.

O día 16 de decembro comeza a fase de exhibición dos comercios inscritos, que se prolongará ata o día 20. Nesta fase sácanse fotos dos establecementos comerciais, que son analizadas por un xurado no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia. Valoran especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria, atendendo ás condicións dos establecementos.

No Concurso, organizado por Promoción Económica e Comercio dende o ano 2004, colaboran a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Agrupación de Comerciantes de Santiago ACOTES, a Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, a Fundación Santiago Centro Área Comercial, Euroconsumo Galicia e o Grupo Correo Gallego.

Compartir: