PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Estatístico 2010 incorpora seis novos apartados con datos sobre aparcamentos, transporte ferroviario, taxis, correos, dependencia e emigración e inmigración

16/12/2010 O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Estatístico 2010. O obxectivo da publicación, que contén datos do 2009, é amosar a evolución e a situación actual do Concello de Santiago a través dunha análise rigorosa, en cifras, da súa realidade económica, social e cultural.

O Estatístico 2010 está estruturado en 12 capítulos, un máis que o Estatístico 2009, que se poden dividir en tres bloques de información xeral (cartografía e capítulos 1 e 2), información sobre servizos á cidadanía (do capítulo 3 ao 9) e datos de actividade económica (do capítulo 10 ao 12). Incorpora ademais seis apartados novos con datos sobre aparcamentos, persoas con dependencia, inmigrantes e emigrante retornados, taxis, transporte ferroviario e correos.

Está previsto que nos vindeiros meses se editen pequenos engadidos, onde se tratará especificamente información estatística complementaria sobre os distintos apartados recollidos na publicación, como educación, actividade social e cultural, etc. O Estatístico 2010 incorpora, igual que en anos anteriores, un apartado de cartografía que recolle en dez mapas a división do Concello de Santiago por distritos e a ubicación dos Servizos Sociais, dos Centros Socioculturais e dos espazos deportivos. A recompilación destes datos foi posible grazas a colaboración de decenas de entidades e organismos que facilitaron desinteresadamente as cifras ao persoal do servizo de Estatística, que elaborou a publicación.

O Estatístico 2010 será publicado integramente en formato dixital. Ademais, poderase consultar e descargar, igual que os anteriores, da páxina web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org, no apartado denominado Observatorio Estatístico. Este servizo ten dous obxectivos: facilitar o acceso a datos importantes na elaboración de informes, estudos e análises sobre a situación actual do municipio, e difundir estes indicadores a nivel internacional, reforzando así a imaxe de Compostela nun mundo cada vez máis globalizado. O Observatorio Estatístico contén todos os Estatísticos publicados ata agora dende que se empezaron a recompilar datos, no ano 1999. Funcional e de fácil consulta, funciona, ademais, como unha páxina interactiva que leva integrado un apartado específico de solicitude de datos de carácter público. Nela tamén se pode consultar a lexislación vixente en materia de estatística e de protección de datos de carácter persoal. Contén igualmente ligazóns coas páxinas web da Concellaría de Promoción Económica, do Concello de Santiago e do Instituto Galego de Estatística (IGE); e unha Área Reservada, un espazo deseñado para que as entidades colaboradoras vaian introducindo, dun xeito áxil, rápido e cómodo, as cifras e datos cos que se elaborarán os posteriores estatísticos.

Compartir: