CULTURA

Galitoon chega ao Teatro Principal con "Basilio, o meu amigo imaxinario"

14/12/2010 A compañía de monicreques Galitoon chega ao Teatro Principal co seu espectáculo para toda a familia Basilio, o meu amigo imaxinario os días 22 e 30 de decembro. Trátase dunha montaxe de gran formato na que se mesturan marionetas con personaxes de carne e óso que van vivir intensas aventuras. Haberá dobre sesión cada día: ás 17:30 e ás 19:30 horas.

A obra, dirixida a nenos de cinco anos en diante, ten unha duración de 50 minutos. Estrutúrase como unha viaxe a través da vida dunha nena, os seus amigos e os seus medos. A protagonista é Raquel, unha nena sensible e cunha imaxinación desbordante na que seguen vivos a maioría dos medos que os nenos da súa idade xa superaron. Témelle á escuridade, aos tronos, ás sombras, ao vello armario da avoa, a que non a queiran as súas amigas, a que Pablo, o rapaz que lle gusta, pense que ela non é unha rapaza maior.

Aínda que Raquel quere ser grande, séguenlle gustando os seus vellos xoguetes de pequena, sobre todo os seus peluches Basilio, agasallo do seu avó, e Braulio, obsequio do seu pai. Todos os días, Raquel fai o mesmo ao chegar do cole: aburrirse, segundo di ela mesma. Ata que unha tarde, unha chamada telefónica, unha caixa, unha tormenta, o armario da avoa e os seus peluches máis queridos, obrigarán a Raquel a facer unha viaxe inesperada ata os confíns dos seus medos.

As entradas pódense mercar na billeteira do Teatro Principal o mesmo día da función en horario de 12:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas. Os prezos son de 5 euros para adultos e 3 euros para nenos e nenas.

Este espectáculo estaba previsto para os días 4 e 6 de decembro, pero tivo que suspenderse por mor dos problemas dun dos protagonistas da obra.

Compartir: