XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba os proxectos de reparcelación de Formarís e Costa Vella

14/12/2010 A Xunta de Goberno aprobou definitivamente os proxectos de reparcelación dos solos industriais SUNP-37.3 de Costa Vella e SUNP-38 de Formarís, ademais do proxecto de expropiación do viario de acceso aos mesmos e a FINSA dende a estrada N-550.

Resoltas as alegacións, deuse o visto bo ao documento presentado por EMUVISSA, encargada de desenvolver a urbanización destes dous solos empresariais e do viario de conexión coa N-550. Cómpre lembrar que no caso do solo de Formarís, a carón do actual polígono do Tambre, son 27,9 hectáreas de superficie, mentres que o sector 3 de Costa Vella ocupará 16,7 hectáreas. Os dous suman 44,6 hectáreas e 124 parcelas. En canto ao nó de enlace, ese plasmarase fundamentalmente nunha gran rotonda que permitirá conectar coa N-550 os dous novos polígonos, pero tamén a FINSA e o polígono da Sionlla.

Deportes
En materia de Deportes, aprobouse unha nova edición do programa Á auga patos, así como un orzamento de 1.000 euros para asumir o custo das bolsas dos alumnos ou colectivos de carácter especial.

Tamén se procedeu a aceptar unha doazón ao Concello por parte de Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos (XADE). Trátase de material deportivo por valor de 18.000 euros, que se destinará ás instalacións municipais. A doazón inclúe máquinas de musculación e bicicletas estáticas.

Noutro dos puntos, autorizouse o uso dos pavillóns municipais do Restollal e Pontepedriña para a celebración do V Torneo solidario de fútbol – Campaña benéfica "Operación quilo: un quilo un sorriso", do 27 ao 30 de decembro, en horario de 20:00 a 23:30 horas. Nesta ocasión, o recadado destinarase a un proxecto de becas de estudo en Senegal.

Finalmente, aprobouse a celebración do Campionato de España de Kárate cadete, júnior e sub-21 no Multiusos de Sar, así como unha achega de 20.000 euros.

Sanidade
A proposta do concelleiro de Sanidade, aprobáronse os pregos e iniciouse a contratación do servizo de lacería de animais abandonados no termo municipal de Santiago. O tipo de licitación é de 43.315 euros.

Cultura e Centros Socioculturais
No ámbito de Cultura e Centros Socioculturais, adxudicáronse os traballos de reparación da capa de rodadura no forxado do aparcadoiro do Auditorio de Galicia, por 29.488 euros. Tamén se determinou a empresa que executará as obras de acondicionamento térmico do centro sociocultural de Marrocos, neste caso por un importe de 15.142 euros.

Cidade Histórica
Entre as urxencias e tras estimar parcialmente o recurso da adxudicataria das obras de reurbanización da calzada de San Pedro, considerouse probado que a empresa incumpriu o prazo de execución pactado por causas que lle son imputables, o cal supón unha demora de 19 días naturais no remate das obras. Por isto, impónselle unha penalización a razón de 0,55euros/día/1.000 euros do prezo do contrato, do que resulta un importe de 3.132 euros.

Documentos relacionados



Compartir: