CULTURA

Galaxia publica tres novos títulos da Biblioteca Compostela

13/12/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou en rolda de prensa os tres novos títulos da Biblioteca Compostela de Narrativa Europea que patrocina este departamento. No acto tamén estiveron presentes Víctor F. Freixanes e Carlos Lema, director e editor respectivamente da Editorial Galaxia, que publica esta colección.

As obras que veñen de saír do prelo son Caos calmo, de Sandro Veronesi, Premio Novela Europea Casino de Santiago 2009; Emaús, de Alessandro Baricco; e A viúva preñada, do novelista británico de orixe xudea Martin Amis. Con estas xa son 24 as obras desta colección que lle permite aos lectores galegos "chegar directamente á novela europea sen outras linguas intermediarias", segundo afirmou García Conde, quen tamén subliñou as posibilidades que abre de saída da literatura galega a outros mercados.

Este proxecto literario xorde dun convenio de colaboración entre a Editorial Galaxia e a Concellaría de Cultura de Santiago, compromiso que se renovará en 2011 e que agradeceu Víctor Freixanes ao departamento dirixido por García Conde "polo seu apoio sen interferencias" durante todos estes anos.

Freixanes fixo especial fincapé na proxección internacional da colección grazas á cidade de Santiago –"que é unha potencia no mundo", dixo- e puxo un ilustrativo exemplo ao lembrar que a primeira edición fóra do inglés de ‘A casa dos encontros’ foi precisamente nesta colección, o que provocou o interese de Amis pola lingua e pola cultura galega, que non coñecía.

Pola súa banda, Carlos Lema subliñou a importancia de que dúas das obras, Emaús e A viúva preñada, foran traducidas antes ao galego que a ningunha outra lingua en Europa.

Caos calmo, de Sandro Varonesi, obtivo o Premio Novela Europea do Casino de Santiago de 2009. Conta a vida de Pietro Paladini, executivo dunha televisión de pago que sofre unha convulsión o mesmo día que, mentres está a piques de morrer afogado ao salvar unha descoñecida, perde a muller coa que ía casar.

Emaús, de Alessandro Baricco, conta a historia dun grupo de rapaces de 16 e 17 anos que quedan engaiolados por Andre, unha moza cuxa personalidade e capacidade de atracción sexual vai condicionar o resto das súas vidas.

A viúva preñada, de Martin Amis, conta unha historia que transcorre nos anos 70, con media ducia de mozos con cultura católica que comezan a vivir a revolución sexual.

Documentos relacionados



Compartir: