ALCALDÍA

Un traballo sobre indumentaria e fala e outro sobre a figura do gaiteiro gañan o XIV Premio Antonio Fraguas

10/12/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto de entrega dos galardóns do XIV Premio de Investigación Antonio Fraguas sobre o Traxe Tradicional Galego, organizados pola Asociación do Traxe Galego en colaboración coa Concellería de Cultura e co Centro Comercial Compostela. José Rodríguez Cruz, de A Gudiña (Ourense), co seu traballo Indumentaria e fala, e Félix Boullosa Curra, de Marín (Pontevedra), con O gaiteiro. Seu traxe, foron os triunfadores.

Indumentaria e fala fíxose cun dos premios de 900 euros. O xurado tivo en conta "a importancia da lingua como designadora de pezas e como os termos relacionados co traxe son metáfora ou espello de realidades doutra orde: baixeira de lá, axeitarlle a polaina a alguén, dar unha boa carda, etc".

O xurado apreciou en O gaiteiro. Seu traxe o material gráfico que se inclúe no mesmo, "de utilidade para inspirar modelos que poidan realizar os membros desta asociación ou calquera afeccionado ao traxe galego". Considérase tamén que este traballo é "unha achega ao traxe tradicional galego na figura do gaiteiro, entendido este coma un dos símbolos da nosa identidade, e a súa evolución ao longo do tempo, dende as súas primeiras referencias na lírica medieval ata as últimas imaxes fotográficas do século XX". Este traballo tamén recibiu 900 euros.

O Premio Antonio Fraguas é o único certame de investigación sobre o traxe tradicional que existe en Galicia. Na modalidade de traballos analíticos galardoa a recolleita e catalogación das formas e tamén investigación das crenzas e valores relacionados co traxe, ademais dos aspectos sociolóxicos. Na categoría descritiva valóranse traballos nos que se especifica a materia con que están feitas as pezas, medidas, patróns, onde se atoparon, etc.

Nesta edición, o xurado estivo formado por Xosé Manuel González Reboredo, do Consello da Cultura Galega; Ana Blanco Amor, da Fundación Rosalía de Castro; Felipe Senén, da Deputación da Coruña; e Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro.

Este Premio é convocado pola Asociación do Traxe Galego, unha entidade cultural sen ánimo de lucro que dende 1995 vén traballando dende distintas vertentes sobre o obxectivo xeral da promoción e dignificación do traxe tradicional galego. Organizan, entre outras cousas, o Día do Traxe Tradicional que se celebra durante as Festas do Apóstolo.

Compartir: