CULTURA

Cineuropa consolida o seu éxito de público

10/12/2010 A XXIV edición de Cineuropa vén a consolidar o éxito de público do festival. O número de afeccionados que acudiron aos pases de películas e se sumaron ás actividades complementarias programadas acadou os 31.874 participantes, segundo os datos facilitados polo director do Festival, José Luis Losa.

Esta cifra que supón un incremento exponencial con respecto a anos pasados, xa que desta volta o Festival Internacional de Cine de Compostela durou seis días menos (24 fronte aos 30 de edicións anteriores) e reduciuse o número de proxeccións diarias a tres (fronte aos cinco que se facían noutras ocasións). Medra así a porcentaxe de asistencia de público por función e supón un crecemento exponencial con respecto ao ano pasado.

Por outra banda, a película da realizadora danesa Susanne Bier In a better world resultou gañadora do Premio do Público deste ano, dotado con 6.000 euros. O filme foi excelentemente acollido, xa que cun 8’5 de puntuación obtivo unha das máis altas valoracións de todas as edicións do festival de cine compostelán. Unha disputa reñida e sorprendente, xa que Neds -a película do británico Peter Mullan coa que se inaugurou esta edición- encabezou dende o primeiro día a clasificación. Susanne Bier é a prestixiosa autora de dúas películas que no seu momento tiveron xa excelente acollida en anteriores edicións de Cineuropa como Irmáns e Despois da voda. Trátase da primeira ocasión na que un filme dirixido por una muller obtén o Premio Cineuropa.

O resto do palmarés de Cineuropa, clasificado por seccións e segundo a votación dos afeccionados e afeccionadas, foi a seguinte:

SECCION MUNDO ASIA: POETRY: 7.8

SECCION PANORAMA INTERNACIONAL: HAPPYTHANKYOUMOREPLEASE: 7.88

SECCION DOCS-DOCUMENTOS: BICICLETA, CULLERA, POMA: 8.7

SECCION FANTASTIQUE COMPOSTELA: WE ARE THE NIGHT: 6.69

A edición de Cineuropa, que rematou o 3 de decembro, ofreceu ao público máis de 130 títulos do mellor cine que se fai en Europa e o máis destacado do ámbito internacional, así como unha interesante mostra do máis vangardista do cinema que se está a facer en Galicia. En todos os casos a calidade, o rigor e a independencia foron o denominador común das cintas propostas. E a resposta dos espectadores ratifica esta aposta da Concellería de Cultura.

A piques de cumprir un cuarto de século, os nomes da actriz Pilar López de Ayala e do realizador galego Oliver Laxe quedarán asociados para sempre a esta edición, na que recibiron o Premio Cineuropa 2010.

Compartir: