PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Recoñecemento da cidade aos 50 anos de traballo de Teatro de Cámara Ditea

10/12/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto de homenaxe que a Concellería de Participación Cidadá lle rendeu a Teatro de Cámara Ditea, con motivo do seu 50 aniversario e pola súa contribución nestes anos á cidade. Pola mesma razón, inaugurouse na Casa das Asociacións de Cornes a mostra 50 anos do Teatro de Cámara Dítea. Estará aberta ata o 13 de xaneiro.

Tal como explican na súa propia web, Teatro de Cámara Ditea (Difusión de Teatro) xorde a finais dos cincuenta. Agustín Magán, que máis tarde sería un dos dramaturgos máis queridos da escena galega, foi o artífice de que, en 1960, cun grupo de afeccionados máis, Dítea vise a luz.

Na súa primeira época levou actos sacramentais á praza da Quintana e converteuse nunha tradición compostelá que, na noite do Corpus, Ditea enchese a praza coas súas enormes escenografías. Estas pezas de carácter relixioso alternábanse cun teatro máis comprometido politicamente.

A partir de mediados dos 60 pon en escena pezas moi anovadoras, pero tamén clásicos. Ao longo do 68 e comezos do 69, Ditea organiza dúas compañías itinerantes, coas que se integra en festivais españois. Denomínanse La Mojiganga e La Carreta. Estes subgrupos levarán a varias cidades galegas o seu taboado da farsa antiga, cun repertorio de teatro clásico popular.

Xa nos 70, co gallo da celebración do seu décimo aniversario, Ditea organiza no Hostal dos Reis Católicos un Festival de Teatro Contemporáneo. Comeza entón unha nova etapa na que Ditea estrea década e lingua, xa que empeza a facer teatro exclusivamente en galego. Traducen obras internacionais á vez que apostan por autores galegos e polos clásicos do teatro. Tamén daquela, Ditea pon en marcha a aula universitaria.

En 1980, Dítea celebra o seu vixésimo aniversario cunha exposición na que reúne maquetas, pezas de vestiario e decorados, ademais dunha ampla información gráfica das montaxes realizadas durante ese período. É entón cando Magán e o grupo comezan a producir textos, aínda que seguen a rescatan clásicos do corpus literario galego-portugués.

A data do 15 de marzo de 1986 marca un fito na historia do grupo. Ese día, no Pazo de Raxoi, o alcalde Xerardo Estévez, en presenza do presidente da Xunta e doutras autoridades, imponlle a Ditea a Medalla de Prata da Cidade ao Mérito Artístico e Cultural. Por esta época andaban a facer tamén teatro radiofónico e Magán seguía producindo. Ademais, o grupo foi seleccionado de entre 64 de todo o Estado para viaxar a Vilafranca do Penedés (Cataluña) a participar no Concurso de Teatro do Penedés, onde consegue o premio ao mellor espectáculo. Nese mesmo ano (1997), Agustín Magán recibe o Premio de Honra Marisa Soto pola dedicación de toda unha vida ao mundo do teatro.

O día 5 de decembro de 1996, no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, Agustín Magán Blanco recibiu de Xerardo Estévez a Medalla de Prata da Cidade ao Mérito Cultural. O 2 de abril de 1998, Magán falece. En xullo dese ano, a asemblea Extraordinaria de Ditea resolve nomear a Alberte Álvarez Escudero novo director do grupo. Na lembranza de Magán desenvolvéronse diversos espectáculos.

Tras un momento de perda masiva de actores e actrices, o grupo entrou nun período introspectivo. Pero tras o interese de vellos compoñentes do grupo por regresar, en novembro do 2004 estréase unha revisión de Tiempo de 98. Acto seguido, empezan os ensaios da súa seguinte montaxe, Melocotón en xarope. Con máis dunha trintena de funcións ao longo de tres anos, a obra convértese na máis representada da historia de Ditea. Na actualidade, o grupo está a mover dúas producións simultaneamente: Acto imprevisto e Aquí cheira a morto.

Celebración do 50 aniversario
Os actos de Dítea para conmemorar o seu 50 aniversario continuarán o sábado 11, cunha ofrenda floral no cemiterio de Boisaca ao seu creador, Agustín Magán, en representación dos xa falecidos da agrupación. Logo, todos os que pasaron por Dítea celebrarán un xantar de reencontro. Xa o luns 13, a compañía inaugurará a IX edición do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán no Teatro Principal, ás 20:00 horas.

Espazo de recoñecemento
Estas homenaxe forma parte da liña da Concellería de Participación Cidadá de converter tamén a Casa das Asociacións nun espazo de recoñecemento público a asociacións e cidadáns cunha ampla traxectoria no eido do asociacionismo, ou cuxo percorrido vital e profesional deixase unha pegada no imaxinario da cidade. Este recoñecemento a un colectivo súmase á homenaxe realizada o 12 de novembro a Concepción Rozas, Luís Pasín e Xosé María Juncal, polo seu bo facer na Asociación Sandra Pregro Rial de Pontepedriña, no barrio de Conxo e na Asociación Río Sarela da Peregrina, respectivamente.

Compartir: