ALCALDÍA

O novo edificio de Fontiñas albergará seis novos órganos xudiciais en 2012

10/12/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, visitaron as obras de construción do novo edificio xudicial da cidade, que leva a cabo a Xunta de Galicia nuns terreos cedidos polo Concello en Fontiñas.

Sánchez Bugallo falou durante a visita da "necesidade acuciante" do inicio destas obras, porque "a demanda xudicial está crecendo dunha forma significativa na nosa cidade". Aludiu á situación dos xulgados do contencioso-administrativo, "con case 2.000 casos, cando o recomendado polo poder xudicial son 600". Polo tanto, dixo, "prevemos que vai haber unha demanda de novas instalacións no futuro" que se sumarán a este edificio.

Pola súa parte, o conselleiro de Presidencia explicou que as obras, que se veñen de iniciar, contan cun prazo de execución de 15 meses e, polo tanto, rematarán no primeiro semestre de 2012. Investiranse máis de 3 millóns de euros na execución deste edificio xudicial.

O novo complexo estará situado na zona de Fontiñas, moi próximo ao actual, ao que vén a complementar. Contará con 2.000 metros cadrados de superficie útil repartidas entre soto, planta baixa e tres andares, nos que se colocarán os tres xulgados do social e os dous do contencioso- administrativo, deixando espazo dispoñible no futuro para instalar outro órgano xudicial a maiores.

Xulgado do Social número 3
Precisamente, o 30 de decembro comezará a funcionar en Santiago o Xulgado do Social número 3, que se situará de xeito transitorio nas instalacións que ocupaba de forma provisional a Axencia Galega de Emerxencias, tamén no barrio de Fontiñas, o que permite concentrar toda a actividade xudicial na mesma zona. O titular de Presidencia explicou que as obras de adecuación do novo xulgado xa se atopan iniciadas e que estará listo para que comece a funcionar con total normalidade antes de que remate o ano.

Compartir: