ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "Santiago será a cidade con máis solo empresarial de Galicia en 2012"

10/12/2010 Cos novos polígonos industriais de Formarís (SUNP-38) e Costa Vella (SUNP-37.3), a cidade terá en 2012 sete parques empresariais que totalizarán 4.200.000 metros cadrados, que a converterán na "cidade de Galicia, con diferenza, con máis solo empresarial", en palabras do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. A urbanización destes dous polígonos e da rotonda de conexión coa N-550 suporá un investimento de 19.077.204 euros.

O alcalde anunciou a aprobación dos pregos para a execución destas obras de urbanización no Consello de Administración de EMUVISSA, co obxectivo de que os traballos comecen en abril de 2011, cun prazo de execución previsto de 12 meses. Deste xeito, poderíanse sacar á venda as parcelas destas dúas superficies no segundo semestre de 2010 ou no primeiro de 2012, dixo. Estes serán os parques empresariais número 6 e 7 da cidade, uníndose así ao da Sionlla, actualmente en desenvolvemento polo IGVS e aos xa existentes do Tambre, Boisaca, Costa Vella e FINSA.

No caso do SUNP-38 de Formarís, a carón do actual polígono do Tambre, trátase de 27,9 hectáreas de superficie en total. O custe da súa urbanización será de 8.940.221 euros. Os traballos no polígono 3 de Costa Vella están presupostados en 6.047.196 euros. Son 16,7 hectáreas. Os dous suman 44,6 hectáreas e 124 parcelas. Xunto co da Sionlla, previsto para 2011, totalizarían 190 metros cadrados de novo solo empresarial.

Ademais urbanizaranse 15,94 hectáreas de novo viario e aparcadoiros, engadiranse 65.565 metros cadrados de zonas verdes e case 12.000 metros cadrados de novo equipamento para a cidade.

Para a primeira fase do nó de enlace contémplase un investimento de 4.089.785 euros. Plasmarase fundamentalmente nunha gran rotonda, permitirá conectar coa N-550 os dous novos polígonos, pero tamén a FINSA e o polígono da Sionlla.

As obras de Costa Vella e Formarís requiren publicidade no Diario Oficial da Unión Europea. Ambas actuacións realizaranse polo sistema de cooperación cos propietarios de solo.

A propósito desta creación de solo industrial, o alcalde valorou a "importancia de que, neste período de crise, se dote á cidade das infraestruturas que permitan o seu desenvolvemento posterior".

Outros asuntos
O Consello tamén abordou dúas importantes cuestións patrimoniais. Por unha banda, o inicio do procedemento de alleamento de catro vivendas en Pontepereda-Conxo que permutou co IGVS no mes de outubro. Son catro vivendas unifamiliares de protección autonómica e de prezo xeral taxado polo IGVS en 128.896,38 euros (IVE non incluído), cada vivenda. O procedemento será o de sorteo establecido na normativa autonómica para as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia.

Por outra banda, adxudicouse a parcela ER6 de Tras Paxonal a entidade CUBIK A ESTRADA, S.L. polo prezo de 1.829.000 euros. Na parcela, de 1.280 metros cadrados, construiranse 39 vivendas de réxime xeral e prezo concertado.

Coas propostas aprobadas, EMUVISSA continúa a súa xestión iniciando a urbanización dunha importantísima oferta de solo para actividades económicas a vez que ofrece a posibilidade de acceso a vivenda a outras 43 familias. Estes datos cualifican en positivo a súa actividade para rematar o ano e completan o concurso en desenvolvemento para 146 vivendas de protección.

Compartir: