CULTURA

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán trae catro espectáculos ao Principal

09/12/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou en rolda de prensa o IX Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán e a gala X Aniversario de FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado), acompañada de dous representantes da Federación, Manuel Dasilva e José León, ademais do director xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez.

García Conde salientou a importancia do teatro afeccionado porque se trata de voluntarios que traballan desde a base e que é unha plataforma fundamental dende a que "moita a xente dá o salto á profesionalidade". Tamén subliñou o apoio do seu departamento a esta disciplina, non só no Festival, senón tamén programando nos centros socioculturais espectáculos de grupos non profesionais.

O Festival Agustín Magán chega así á súa novena edición, que se celebrará do 13 ao 16 de decembro no Teatro Principal e acollerá catro espectáculos. O primeiro deles será Aquí cheira a morto, de Teatro de Cámara Ditea, grupo compostelán que cumpre 50 anos de actividade. Os seguintes son Asociación Teatral Paso de Valverde, coa obra Drammatico; NNC Teatro con Peza para dous actores; e o último día o grupo de teatro O Aturuxo de Melpómene interpretará Non todos os ladróns veñen por mal.

Gala X Aniversario de FEGATEA
O domingo 12 de decembro culminarán os actos que ao longo deste ano conmemoraron o X Aniversario de FEGATEA coa celebración da Gala X Aniversario no Teatro Principal ás 20:00 horas. Nela farase mención aos grupos que comezaron esta andaina hai unha década e que seguiron traballando até a actualidade, dando acubillo a 45 grupos de todo o país.

Ademais, na Gala farase entrega do I Premio FEGATEA, que recoñece a traxectoria de colectivos ou persoas que destacaron pola súa defensa e traballo a prol do teatro afeccionado. Este ano recaeu na Revista Galega de Teatro, cuxo director, Antón Lamapereira, recibirá o galardón da man da concelleira. Haberá unha actuación musical a cargo de Litanai.

Os actos do aniversario comezaron no mes de xuño en Noia, inaugurando unha exposición que fai un percorrido por estes dez anos de existencia e amosa as actividades que foi levando a cabo FEGATEA nestes anos. Logo continuou na Mostra Internacional de Cangas do Morrazo, na de Ribadavia, en varios ciclos de teatro afeccionado, na Escola Superior de Arte Dramática, en Palas de Rei e agora chegan a Compostela como final da celebración.

Compartir: