CENTROS SOCIOCULTURAIS

A inscrición nos Campamentos Abertos de Nadal, aberta ata o 9 de decembro

03/12/2010 O Apalpador, a figura mítica do Nadal galego, volve este ano a Compostela cargado de actividades para público familiar. Dentro das actividades do programa Apalpando as ilusións destacan os Campamentos Abertos de Nadal, aos que aínda se poden inscribir todos os que así o desexen ata o xoves 9 de decembro.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, fixera fincapé na presentación en que "este programa presta importancia á conciliación da vida familiar" e neste sentido destacou a nova oferta de Campamentos Abertos de Nadal. Durante as vacacións escolares, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro (agás os domingos, festivos e 24 e 31 de decembro), celebraranse cinco campamentos nos cinco centros socioculturais de cabeceira. Ofrécense 125 prazas, con flexibilidade para que as familias con varios fillos nas que só un consiga praza por sorteo poidan envialos a todos eles ao campamento.

Os campamentos están dirixidos a nenos e nenas de 6 a 12 anos, aínda que nalgún dos campamentos acéptanse a partir dos 5 anos. O horario de acollida é de 7:45 a 15:15 horas, e o de programación de actividades lúdicas e educativas é de 9:45 a 14:00 horas. "Buscamos que os nenos se divirtan pero tamén aprendan", sinalou María del Carmen de la Cruz, técnica da rede de centros. En cada centro o campamento ten unha temática diferente: "os pequenos reporteiros" no Ensanche, "un Nadal de xogo" en Vite, "contos do Nadal" nas Fontiñas, "o misterio do Nadal" no Castiñeiriño e "un Nadal intercultural" en Conxo. O custe é de 25 euros por praza. De haber máis solicitudes que prazas, resolverase por sorteo o 14 de decembro.

Compartir: