CULTURA

A curtametraxe "Check out" entra na lista dos traballos que optan aos Premios Goya

03/12/2010 A curtametraxe Check Out, gañadora de Compostela Plató 09, o concurso de guións que se vén celebrando dentro de Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, está dentro das curtametraxes que poderán optar aos premios da Academia de Cine Española.

Esta semana fíxose pública a lista e un total de 84 traballos optarán ás tres categorías: ficción, documental e animación. Check out, codirixida por Iker García e o propio guionista gañador de Compostela Plató, Salvador Rubio, competirá por un posto na final con outras doce curtametraxes de animación. Agora os académicos cos seus votos decidirán cales serán as nomeadas que optarán á prezada estatuíña.

A curta é unha "comedia de supermercado" na que ao final triúnfa o amor e presentouse por primeira vez na gala de clausura da pasada edición de Curtocircuíto. O traballo foi producido por Ficción Producciones e supuxo todo un reto para o seu equipo, xa que foi o primeiro guión para animación que levou o premio consistente na súa rodaxe.

Como en pasadas edicións, Compostela Plató segue a colleitar éxitos e materializa un dos seus obxectivos principais, promover e impulsar a cidade de Santiago como destino de rodaxe e colocar o seu nome na elite do audiovisual estatal o que reafirma a súa importancia.

Compartir: