CIRCULACIÓN VIARIA

Un novo sistema móbil para os axentes mellorará a xestión das sancións viarias

03/12/2010 A concelleira de Circulación Viaria e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, presentou un novo sistema móbil, a través de PDA e dunha pequena impresora, que permitirá unha xestión máis eficaz das sancións viarias. Con estes instrumentos e un software específico, os axentes poden remitir a unha base centralizada do Concello os seus boletíns de denuncia e tamén imprimilos.

Este é un proxecto piloto e pioneiro nos concellos galegos, que se implantou en principio de forma gratuíta a través de 10 PDA. Agora porase en marcha de xeito máis amplo coa adquisición de 25 terminais e do software, nos que se investirán 32.000 euros. Esta novidade, xunto aos novos paneis de información, á renovada sala de pantallas e a algún outro proxecto que se presentará en breve, forma parte do esforzo modernizador que está a realizar a Policía Local, segundo indicou a concelleira.

Fronte a necesidade de picar os datos, o que pode inducir a algún erro material-, grazas a este sistema, o axente pode agora remitir o seu boletín de sanción directamente a unha base central. Tamén pode imprimir o boletín nunha pequena impresora conectada coa terminal polo sistema Bluetooth, o que lle permitirá mesmo darllo ao infractor de estar presente, tal como explicou o responsable do Departamento de Informática do Concello, Jesús Rodríguez. E no futuro, este boletín mesmo podería servir de documento de pago ao usuario. Grazas a estes terminais, o axente tamén pode realizar fotografías do coche infractor, que se poderán incorporar logo ao expediente.

Rapidez, sinxeleza, capacidade, seguridade e robustez son as características que definen este sistema de xestión de multas, o cal, segundo o inspector Silva, aporta "seguridade xurídica na tramitación do expediente".

Sal fronte ao xeo
A concelleira de Circulación Viaria aproveitou tamén a súa comparecencia para facer balance do dispositivo con motivo do mal tempo da última semana e, en especial da noite do xoves ao venres. Recordou que durante toda a semana, efectivos de Urbaser, Cespa, Protección Civil e da Brigada de Vías e Obras están botando sal, día e noite, en vías da cidade e do rural.

Xa en referencia á ultima noite, indicou que as baixas temperaturas rexistrada provocou que se tivera que botar sal fronte ás placas de xeo en diversos puntos dende a madrugada, como nos accesos ao Hospital Clínico, Restollal, Cruceiro da Coruña, San Marcos ou en pistas do rural. Tamén pola mañá se procedeu a botar xeo en beirarrúas e escaleiras.

Apuntou igualmente que non se tivo que interromper o servizo de transporte urbano, agás durante 14 minutos como consecuencia dunha saída de vía no Restollal. "Ás 11:00 horas xa se atenderan todas as demandas cidadáns", engadiu.

Compartir: