BENESTAR SOCIAL

Fademga Feaps Galicia recibe 14 vehículos para paliar a traba da dispersión xeográfica

02/12/2010 A Federación de Asociacións en favor de Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Fademga Feaps Galicia) recibiu 14 furgonetas nun acto celebrado na praza do Obradoiro.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, asistiu a este acto, presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro. Tamén participaron os subdelegados das catro provincias; o presidente de FADEMGA, Julio Cortiñas; representantes da Obra Social Caixa Galicia e Obra Social Caja España-Caja Duero e os representantes e usuarios das 13 asociacións beneficiadas da cesión de vehículos.

As entidades beneficiadas pola entrega de vehículos foron Apader (Cedeira), Camiña (Burela), Amipa (Padrón) Aspronaga (A Coruña), Aceesca (O Porriño), Aspadisi (O Carballiño), Aspadex (Cee), Aspadeza (Lalín), Amicos (Ribeira), Aspnais (Lugo), Prodeme (Monforte de Lemos), Aspanas (Ourense) e Asfaval (O Barco de Valdeorras).

A entrega destes 14 vehículos forma parte do proxecto As barreiras do transporte, que non te deixen na casa!, que nacía no ano 1992 co obxectivo de paliar a problemática existente nos servizos de transporte tanto públicos como privados, buscando mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade intelectual aos centros e servizos e conseguindo así un pleno desenvolvemento persoal, laboral e social dos beneficiarios.

Compartir: