ALCALDÍA

A presidenta do Comité das Rexións da UE comprométese a que a CECICN participe na definición das políticas transfronterizas

01/12/2010 No mes de xaneiro haberá unha primeira reunión en Bruxelas que abordará os problemas que afectan aos territorios de fronteira como cuestións destacadas do Mercado Interior da UE, xunto á saúde, os transportes, a loxística empresarial, etc.

A presidenta do Comité das Rexións da UE, Mercedes Bresso, valorou en Bruxelas, no encontro con Xosé A. Sánchez Bugallo e co bureau político da Rede de Cidades Europeas Transfronterizas, CECICN, o seu interese en que esta rede participe activamente, e en estreita colaboración co Comité das Rexións, no proceso de debate das políticas comunitarias e dos fondos europeos para o periodo 2014-2020. Na xuntanza, Bresso manifestoulle a súa satisfacción porque máis de 500 cidades das fronteiras da UE foran capaces de unirse e traballar cunha voz única dende as seis redes de cidades que a integran.

Subliñou a importancia desta voz única das cidades transfronterizas europeas e manifestoulles a súa disposición a traballar xuntos, non só na definición das políticas de cooperación territorial, senón tamén noutras políticas consideradas estratéxicas pola Unión Europea, como é o caso do Pacto Europeo dos Alcaldes.

Na xuntanza, que se alongou ate unha hora, celebrada na sede do Comité das Rexións en Bruxelas, a presidenta propuxo, como primeira medida operativa, unha reunión, a celebrar a primeiros de ano, en Bruxelas, entre a Comisión Executiva da CECINC e membros do equipo do Comité das Rexións, co comisario do Mercado Interior, Jean Michel Barnier, para preparar un encontro monográfico de carácter político sobre todas as problemáticas que afectan aos territorios de fronteira, cuestións que a Comisión Europea considera cuestións do Mercado Interno. Isto é, xunto aos transportes, as comunicacións telefónicas, a loxística empresarial, a saúde, etc.

Para Xosé A. Sánchez Bugallo, "con esta reunión de xaneiro vanse sentar as bases para solucionar os problemas ligados á cooperación transfronteiriza de segunda xeración, que constituíu un dos eixos da miña presidencia do Eixo Atlántico, xunto os problemas da sanidade, a educación ou o desenvolvemento social da Eurorrexión".

Compartir: