ALCALDÍA

O comisario de Política Rexional da UE analizou co alcalde a necesidade de máis Fondos Europeos no período 2014-2020 para os territorios de fronteira

01/12/2010 O comisario Hanh acepta a invitación do alcalde compostelán de presidir un Foro Europeo de Cooperación Transfronteiriza a finais de 2011.

Na reunión mantida na sede da Comisión de Política Rexional da Unión Europea en Bruxelas, o comisario Johannes Hanh manifestou a Xosé A. Sánchez Bugallo a especial sensibilidade cos problemas das cidades e da cooperación territorial nun tempo de crise coma o actual. Hanh manifestoulle que comprendía a súa preocupación, xa que a mesma situación a tiña vivido, persoalmente, na súa época como concelleiro do Concello de Viena, e que entendía a sensibilidade dos cidadáns diante destes problemas.

Igualmente, Hanh manifestou o interese da Comisión Europea en contar coa opinión da única rede que representa a máis de 500 cidades transfronterizas de toda Europa, ao tempo que o felicitou, como presidente da CECICN, por ter conseguido organizar unha rede destas características que, dixo, "non é tarefa fácil".

Na xuntanza, a que tamén asistiu, invitado por Sánchez Bugallo, o director xeral de acción Exterior da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, abordáronse os principais problemas que afectan aos territorios de fronteira, así como a necesidade de que as solucións se aborden no próximo programa de actuación 2014-2020, e que se dupliquen os Fondos Feder dende os actuais 8.500 millóns de euros ate os 17.000 millóns, proposta realizada polo presidente da CECICN, o alcalde de Santiago.

O comisario Johannes Hanh invitou ao bureau político da Rede de Cidades Europeas Transfronteirizas a que participen activamente na elaboración no Informe de Cohesión, documento de referencia para a discusión das políticas financeiras comunitarias.

Como primeiro resultado deste encontro, a Comisión Executiva da CECICN, formada polos seis secretarios xerais das organizacións que a integran, reunirase no mes de xaneiro próximo con membros do gabinete do Comisario para discutir a posible elaboración do "Libro Branco da Cooperación Territorial" que apunte propostas para la elaboración da programación do próximo período 2014-2020.

Ao remate da xuntanza, Sánchez Bugallo manifestou a súa "profunda satisfacción pola excelente acollida á CECICN e as expectativas que esperta en ámbitos comunitarios da Comisión Europea". Ademais, destacou os resultados concretos acadados nesta primeira reunión.

Compartir: