CIRCULACIÓN VIARIA

As 321 tarxetas de aparcamento de residentes concedidas en Pontepedriña entrarán en vigor a partir do 6 de decembro

01/12/2010 Os veciños e veciñas de Pontepedriña realizaron 443 solicitudes de tarxetas de residentes para o estacionamento, das que foron autorizadas 321, segundo indicou a concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano. Os usuarios destas tarxetas, que se conceden de balde, poden facer uso delas dende o luns 6 de decembro.

Despois dun período de familiarización de 20 días dende a colocación de toda a sinalización horizontal e vertical destas zonas verdes, a partir do luns 6, os usuarios autorizados deberán exhibir nos vehículos as súas tarxetas de residente. Os condutores que estacionen nestas zonas verdes reservadas para os residentes sen a correspondente tarxeta serán sancionados por estacionamento indebido.

Recordou a concelleira que aínda quedan 43 usuarios que non recolleron a súa tarxeta, do total de 321 autorizados. En Pontepedriña haberá a disposición de todos eles 307 prazas, ás que se suman outras 120 prazas libres.

Sobre as solicitudes denegadas, 122, Álvarez-Santullano aclarou que, na súa maioría, se deben a que "o empadroamento do vehículo non coincidía co empadroamento do condutor".

Vite, a próxima
A seguinte área de estacionamento para residentes a por en marcha será a de Vite e Guadalupe, onde se ofrecerán 460 prazas para residentes, 112 libres e 143 libres de día e para residentes de noite. Ata o 9 de decembro estará aberto o prazo de solicitude das tarxetas. Ata o momento xa se recibiron 400 peticións, pero agárdase recibir unhas 800.

Tras estas áreas, as próximas serán os barrios de San Pedro e A Almáciga. Tanto con estas como coas de Pontepedriña e Vite, o obxectivo do Concello e paliar o déficit de estacionamento dalgunhas áreas da cidade "por non ter estacionamentos nas vivendas ou por soportar moita presión de aparcamento a causa da súa proximidade ao Campus ou a centros comerciais ou de traballo", indicou a concelleira de Circulación Viaria.

Compartir: