CULTURA

Oliver Laxe considera o Premio Cineuropa 2010 "un estímulo para seguir traballando"

30/11/2010 O director parisiense de ascendencia galega, Oliver Laxe, agradeceu en rolda de prensa a concesión dun dos premios Cineuropa 2010, que "considera un estímulo para seguir traballando" aínda que "ten algo de estrano para mín", confesou, porque en xeral "os premios danse ao final das carreiras" e, sobre todo, "polos importantes nomes que xa o posúen". Oliver Laxe asistiu logo á cerimonia de entrega do premio que se celebrou no Teatro Principal e onde posteriormente se proxectou a súa película Todos vós sodes capitáns.

Sobre as dificultades que moitas veces teñen determinados filmes, como o seu, para ser exhibidos Oliver Laxe cualificou de "grave" estes atrancos, xa que "todos temos responsabilidade na formación do público que, sempre, é moi xeneroso". Neste sentido, celebrou a existencia de "iniciativas que, como Cineuropa fan un labor extraordinario polo seu rigor e respecto ao público".

O realizador que "máis para ben que para mal" dixo sentirse galego, quixo rachar co mito de que ninguén é recoñecido na súa casa ata que o é fóra e sinalou sentirse "afortunado polos xestos e actitudes recibidos aquí, en Galicia, e especialmente en Cineuropa".

Con respecto á súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns -pola que obtivo en Cannes o premio da crítica internacional (FIPRESCI) da Quincena de Realizadores e hai uns días o Premio do Público Xove do festival de Xixón- , Laxe afirmou que é unha película "sobre o cinema, as imaxes e o amor", para concluír que "facer cine, a arte, é unha ferramenta para adaptarse a vida". O director asegurou que facer cine axúdalle na exploración da súa propia personalidade aínda que, ironizou, "o problema é que cando atopas a resposta a pregunta cambia".

Oliver Laxe, que confesou estar "balbuceando" no cine, asegurou non ter medo "en absoluto" ao futuro tras o espectacular triunfo da súa ópera prima. O realizador recordou as dificultades que tivo para afrontar esta primeira producción "que fixemos coas nosas propias mans, transcendendo o lamento e a bágoa idiota. Agora o que nos invade é o optimismo". Sobre este futuro inmediato adiantou que está traballando en Marrocos nunha película sobre un grupo de galegos que se dedican á importación de palmeiras, aínda que "máis que tráfico, interésanme as palmeiras". Un proxecto que definiu como "máis ambicioso e complexo" e que está coproducido por Francia e Portugal.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, asegurou que o traballo de Laxe será "considerado de culto" no futuro e recordou que "conseguiu coa súa primeira obra o que ningún galego antes", en referencia ao galardón de Cannes. García Conde subliñou que Laxe "aínda está empezando, pero abre grandes expectativas para o futuro" que, augurou, "depararanos moitos éxitos máis". A concelleira de Cultura lembrou que no seu compromiso coa produción cinematográfica que se fai en Galicia, na edición anterior de Cineuropa proxectouse Luz Branca, avance do que logo se convertería en Todos vós sodes capitáns.

Para Socorro García, o premio Cineuropa a Oliver Laxe coincide coa "filosofía de Cineuropa que é, precisamente, ofrecer outra cinematografía máis libre e máis vangardista e darlle espazo ás novas producións" e adiantou que no futuro o festival aspira a "seguir abrindo portas, que aínda que modestas, son moi queridas polo público compostelán. Rematou a concelleira sinalando que os dous Premios Cineuropa 2010, Oliver Laxe e Pilar López de Ayala, consolidan "o prestixio e o peso" destes galardóns.

O director do Festival, José Luis Losa, declarou que aínda non se ten feito unha valoración xusta do que o premio concedido en Cannes significa e recordou que hai apenas un ano, o hoxe laureado director, "buscaba vías para sacar adiante o seu proxecto". Estas dificultades para saír adiante Losa atribuíullas a un proxecto valente "porque Laxe non se casa con ninguén e non fai cine de colorín, nin se queda anquilosado, senón que investiga na linguaxe cinematográfica" e a "falsidade" de que non hai público para este tipo de cine argumento que, dixo, queda rebatida polos éxitos obtidos tanto en Cannes como en Xixón. José Luis Losa pechou a súa intervención predicindo que a Oliver Laxe lle queda un "longo camiño de éxitos por diante".

Compartir: