CONSORCIO

A Comisión Executiva do Consorcio informou sobre o sistema de xestión das exencións fiscais polo 800 aniversario da Catedral

29/11/2010 A Comisión Executiva do Consorcio de Santiago informou sobre o sistema de xestión que funcionará durante o próximo 2011 para administrar as exencións fiscais relacionadas coa conmemoración do 800 Aniversario da consagración da Catedral de Santiago. Estas exencións serán aplicadas en relación ás obras contempladas no Plan Director da Catedral, no que se especifican os diferentes traballos de restauración e rehabilitación que precisa a basílica xacobea.

O Consorcio de Santiago liderará o programa de impulso á efeméride, acreditando que as diferentes obras de execución levadas a cabo polas entidades privadas se axustan ao plan do programa establecido polo propio Consorcio. Neste sentido, a Ley 49/2002 sobre incentivos fiscais ao mecenazgo permite que un órgano interadministrativo, como é o Consorcio de Santiago, lidere o programa de apoio a acontecementos de excepcional interese público, como é o caso do 800 Aniversario da Catedral de Santiago.

O Plan Director da Catedral de Santiago
O Plan Director da Catedral de Santiago, destinado a regular todas as obras a executar na conservación do conxunto arquitectónico da basílica xacobea, ten o seu inicio en 2005, cando a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Cabildo da Catedral asinan un convenio de colaboración. Tras as aprobacións preliminares, o Plan foi aprobado finalmente polo Concello de Santiago o 27 de outubro de 2009. O plan establece un programa de actuación que contempla intervencións prioritarias, outras secundarias e actuacións de remate en fachadas, cubertas e torres, entre outras, por un importe total de 24 millóns de euros.

A consagración da Catedral
O 21 de abril de 1211 tiña lugar a solemne cerimonia de consagración da Catedral de Santiago, presidida polo entón rei de León Alfonso IX, ao que acompañaron o seu fillo, o futuro rei San Fernando, 10 bispos galegos e portugueses e todas as personalidades eclesiásticas e civís de León e Galicia. Foi sen dúbida o principal evento dunha cidade que neses momentos gozaba de numerosos privilexios que permitiron acometer o final das obras na basílica, a cargo do Mestre Mateo, e axudaron a que se implantasen en Compostela ordes relixiosas, artesáns e operarios. Todo nun dos momentos máis álxidos das peregrinacións á tumba do Apóstolo Santiago.

Reunión preparatoria
A Comisión Executiva serviu de preparación do próximo Consello de Administración da entidade, no que se aprobará o orzamento para o ano 2011. Ademais, na reunión deuse o visto bo á aceptación do convenio polo cal o Consorcio de Santiago pasará a asumir a xestión da Escola de Altos Estudos Musicais (realizada ata agora pola Xunta de Galicia).

Deste xeito quedará integrada a xestión da Escola coa Real Filharmonía de Galicia, xa xestionada polo Consorcio de Santiago. Neste sentido cómpre lembrar que o profesorado da Escola de Altos Estudos Musicais está formado por integrantes da Filharmonía.

Compartir: