CULTURA

Jonás Trueba estrea en Santiago o seu filme "Todas las canciones hablan de mí"

29/11/2010 O director Jonás Trueba que presentou en Cineuropa a súa primeira película Todas las canciones hablan de mí, manifestou en rolda de prensa que tentou contar unha historia "non xeracional, como teñen dito algúns, senón que captara unha especie de nostalxia desa xeración de transición que estamos totalmente integrados en internet pero somos a última que escribiu cartas a man. Nese sentido, é unha película máis repousada, máis física e de obxectos".

A película conta unha historia de desamor que Trueba tentou apartar dos "patróns" máis tópicos "como resultado dun cúmulo de experiencias, tanto propias como de amigos" e para iso buscou actores como Bárbara Lennie –á que cualificou como a mellor actriz que hai en España da súa xeración- e Oriol Vila, que dixo forman na ficción "unha parella normal".

Para Jonás Trueba unha vez rematada a película "cobra vida propia e funciona fóra de ti" e afirmou que ao tempo que se recoñecía nela sentía vergonza porque "pos moito de ti mesmo e agora ves moitas imperfeccións e defectos" pero, precisamente, "as primeiras películas son as que suman defectos e virtudes".

Jonás Trueba, fillo do tamén director de cine Fernando Trueba e sobriño do guionista e escritor David Trueba, afirmou que o seu apelido non é para el un lastre, "aínda que podo entender as sospeitas que levantas de antemán", porque pertence a "unha familia normal que comparte o amor polo cine pero na que cada quen mantén a súa independencia". "Gústame a miña relación familiar porque me axudou a desacralizar o cine e a darme conta de que é un oficio máis, no que o importante é o traballo", subliñou. Jonás Trueba concluíu que o único consello que lle deu seu pai foi que "durmira ben".

Jonás Trueba, que agradeceu a Cineuropa que lle tivera convidado a participar no Festival, ía manter un encontro co público no Teatro Principal ao remate da proxección da súa película, é tamén guionista de cine e entre os seus traballos destacan Más pena que gloria e Vete de mi.

Aposta de futuro
A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou a Jonás Trueba como unha aposta de futuro de Cineuropa xa que, salientou, "está ben non esperar a que todo o mundo os recoñeza senón axudar a visualizar aos novos valores". A concelleira cualificou a cinta de Trueba como unha "ópera prima de excelente calidade" que, bromeou, "valoraremos máis cando dentro de 20 ou 30 anos esteamos aquí para presentar a súa retrospectiva". García Conde tamén reivindicou a producción de Trueba e a necesidade de consideralo con independencia do seu nome porque o certo e que "xa ten o seu propio traballo" e que se ocupa dunha historia que "sempre é actual porque sempre se dá".

O director do festival, José Luis Losa, referiuse á emoción que esperta sempre unha ópera prima porque "é unha esperanza que se abre e se ten entidade, como a película de Jonás Trueba, esa ilusión é dobre". Losa valorou esta película como "atípica dentro do que se fai no panorama español" xa que os protagonistas nada teñen que ver cos personaxes que son unha mestura de "hortera de Gran Hermano e culebrón". Loubou a cinta por ser estilizada e auguroulle un percorrido moi exitoso.

Compartir: