ALCALDÍA

O presidente da Xunta será o delegado rexio na Ofrenda da Translación e no acto de Peche da Porta Santa

26/11/2010 Segundo lle comunicou a Casa Real ao alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, será o delegado rexio tanto no acto da Ofrenda de Translación dos restos do Apóstolo de 2010, que terá lugar o xoves 30 de decembro, como no acto de Peche da Porta Santa, o venres 31 de decembro.

S.M Don Juan Carlos de Borbón designou ao presidente da Xunta para actuar como delegado rexio na Misa Solemne da Ofrenda Nacional de Translación dos Restos do Apóstolo Santiago, que terá lugar na Catedral de Santiago. A cerimonia da Translación celébrase o 30 de decembro de cada ano en recordo do lexendario traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). A cerimonia terá lugar a partir das 11.30 h.

Alberto Núñez Feijóo xa foi delegado rexio o ano pasado, sucedendo á ex-presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, que actuou de oferente na Traslación de 2008; en 2007 desempeñou esta función o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mentres que en 2006, foi o ex-presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o delegado rexio. En 2005, o Rei nomeou delegado neste acto ao xefe da súa Casa, Alberto Aza.

O presidente da Xunta será tamén o delegado rexio no acto de Peche da Porta Santa, co que se clausurará o Ano Xubilar Compostelán 2010. Terá lugar o venres 31 de decembro ás 16.30 horas.

Compartir: