PARTICIPACIÓN CIDADÁ

"Muller Luz", unha aposta teatral pola esperanza na Casa das Asociacións

25/11/2010 A Concellería de Participación Cidadá quixo unirse aos actos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Farao coa representación, o sábado 27 de novembro, na Casa das Asociacións, da obra Muller Luz, a cargo do colectivo Femenino Plural.

A titular do Departamento, Guadalupe Rodríguez, presentou esta nova entidade, Femenino Plural, un proxecto teatral con vocación de comprometerse coa realidade das mulleres do noso tempo. Así, a representación é "un espazo de acción solidaria", en palabras de Cristina Bandín, da Casa de Cultura e Solidariedade.

Sobre a súa estrutura, unha das actrices, Rula Blanco, definiu a obra o espectáculo como "unha mestura entre teatro físico e danza, con música en directo feita por nós mesmas". Sobre o escenario estarán esta vez seis das sete integrantes do reparto, xa que unha delas vén de dar a luz.

A representante da Casa de Cultura e Solidariedade aproveitou a ocasión para convidar a todos a unirse tamén á Marcha contra as causas da fame, que sairá da praza do Toural o sábado 11 de decembro, a partir das 12:00 horas.

Femenino Plural
En xullo de 2010 nace a compañía Femenino Plural coma un proxecto teatral con vocación de comprometerse coa realidade das mulleres de hoxe. E faino mirando a historia das mulleres que defenderon a vida, incluso nos contextos máis violentos imaxinables, como algo sagrado, e que sostiveron as vidas de comunidades enteiras coa súa entrega e sacrificio, din dende a compañía.

Dende Femenino Plural entenden que é importante que se teña en conta a achega da maioría das mulleres, aquelas que alumean e sosteñen a esperanza da humanidade. A compañía lánzase dende a corrente do teatro da escoita.

Muller Luz
Un espectáculo feminista, e unha aposta pola esperanza. Así define Femenino Plural a representación Muller Luz. Son sete historias de mulleres reais que se presentan unha tras outra a través do corpo e da música, entregándose as actrices a ser pontes para dar a coñecer estas historias incribles pero reais, fundamentais cando se fala de feminismo ou esperanza.

Muller Luz preséntase en forma de ritual e construíuse cunha técnica baseada en testemuños. Son as vidas de Irena Sendler, Margarite Barankitse, Somalí Man, Stanislawa, Faustina, Tola e Bamba. A compañía defíneas como mulleres que construíron e constrúen a Historia dende valores solidarios fundamentais para estes tempos de escuridade. Mulleres que enfrontaron á realidade de inxustiza que vivían os seus pobos, os seus países, os seus fillos, todos os fillos da terra, entregando a súa vida gratuitamente pola humanidade.

Muller Luz, porque entendemos que hai unha luz moi forte detrás do que estas mulleres representan, unha luz que segue sendo guía en medio da escuridade. Mulleres que nos provocan coas súas vidas", afirman en Feminino Plural, que completa a representación cun diálogo posterior co público.

Compartir: