ALCALDÍA

O alcalde pedirá en Bruxelas a duplicación dos Feder para atender as necesidades dos territorios de fronteira da UE

24/11/2010 A Comisión Executiva da Rede de Cidades Europeas Transfronteirizas e Interrexionais (CECICN, nas súas siglas en inglés), co seu presidente á cabeza, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, reuniranse o 1 de decembro en Bruxelas co comisario de Política Rexional, Johannes Hahn. A axenda da visita á capital europea compleméntase cunha reunión coa presidenta do Comité das Rexións.

Na xuntanza, os dirixentes da CECINC exporán ao comisario Hahn a súa postura sobre o reparto dos fondos europeos no período 2014-20 para os territorios de fronteira, onde se asenta cerca do 38% da poboación da UE.

O presidente da CECINC manterá a necesidade de incrementar os Fondos Feder ata duplicar os actuais 8,5 billóns de euros da anterior programación, para promover o desenvolvemento económico e favorecer a saída da crise, ademais de atender as necesidades das cidades e territorios de fronteira, convertendo o elemento fronteira nunha vantaxe competitiva e non nun hándicap.

Máis de 500 cidades da fronteira
A CECINC, que representan a máis de 500 cidades da Europa Comunitaria situadas en espazos de fronteira na UE, foi constituída no mes de marzo en Santiago de Compostela e naceu co obxectivo de constituírse como interlocutor recoñecido da Comisión Europea en temas de cooperación territorial nun momento clave: o inicio das negociacións do orzamento comunitario e as prioridades da política rexional da UE 2014-20.

A Comisión Executiva da Conferencia esta integrada polos presidentes das seis redes de cidades de Europa que traballan a cooperación transfronteiriza e na defensa dos seus respectivos intereses rexionais. En concreto, as redes que integran CECICN son:

Misión Operacional Transfronteiriza (MOT), que actúa en todas as fronteiras de Francia.
Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), recentemente participada polo Eixo Atlántico, ten en toda a fronteira hispano-lusa o seu ámbito de actuación.
Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), con presenza en todo o Espazo Atlántico.
Foro de Cidades do Adriático e Xónicas, con base en Roma, conta con representantes das principais cidades do Adriático e da Península de Ionnina.
Medcities, que abarca toda a conca mediterránea.
Unión de Cidades Bálticas, con presenza nos principais países da rexión báltica.

A entidade constituíuse, na práctica, como un gran lobby de cidades de territorios de fronteira

Compartir: