ALCALDÍA

Unhas mil persoas participarán en 2012 no IV Congreso Internacional de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios

23/11/2010 Santiago de Compostela acollerá do 12 ao 14 de abril de 2012 o IV Congreso Internacional de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios (Patorreb). Os detalles do mesmo explicáronos en rolda de prensa o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Celestino García Braña; e o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández.

Este congreso ten como obxectivo primordial divulgar as técnicas e as preocupacións da rehabilitación. Celebrouse en 2003, 2006 e 2009 na Facultade de Enxeñería da Universidade de Porto, reunindo a máis de 600 participantes entre profesores, investigadores, estudantes, construtores, proxectistas, enxeñeiros e outros profesionais.

O punto de partida será una reflexión sobre a patoloxía da construción e os seus múltiples ámbitos específicos, e como se combinan estes coa rehabilitación arquitectónica. Amplíanse os temas presentados en edicións anteriores e introdúcense novos puntos de vista, ofrecendo un perfil máis aberto do congreso para a participación de diferentes profesionais vinculados ao mundo da edificación e o urbanismo.

Presentaranse os últimos avances da investigación e a execución, mediante propostas que traten as estratexias para a rehabilitación, as metodoloxías de diagnose, o ditame e proxecto, a adecuación á normativa vixente, a recuperación de espazos públicos e as súas infraestruturas, a adaptación enerxética, o reforzo de estruturas, a eficiencia das instalacións, as técnicas de reparación, así como a análise de casos concretos de proxectos e obras rehabilitadas.

A rehabilitación, a mellor política de vivenda
O alcalde expresou o seu desexo de que este Congreso sexa "unha oportunidade para empresas e profesionais, pero tamén para o conxunto da sociedade", e que "axuden a difundir a idea de que a rehabilitación é a política de vivenda máis barata, eficiente e que consume menos territorio". Neste sentido, recordou o empeño do Concello nos últimos 20 anos en traballar en dous planos: a rehabilitación e a construción.

Segundo explicou o decano do COAG, na última edición de 2009 en Porto a organización do congreso ofreceu ao Colexio a xestión do evento en 2012 en Santiago de Compostela, coa finalidade de buscar unha progresiva internalización e afianzar e enriquecer o intercambio técnico e científico entre España, Portugal e América Latina. A organización é conxunta entre COAG, o Concello de Santiago de Compostela, a Facultade de Enxeñería da Universidade de Porto (FEUP.UP), a Universidade Politécnica de Cataluña (UPC), a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, co apoio da Consellería de Cultura.

Contarase coa presenza duns 1.000 participantes nun proxecto deseñado para xuntar as máximas forzas posibles, co apoio das institucións e das empresas construtoras e o resto da sociedade. "Nestes momentos un dos poucos espazos onde o sector pode ter desenvolvemento económico e de crecemento é na rehabilitación, pero aínda estamos moi por debaixo de países como Alemaña, onde o 60% do que se inviste é en rehabilitación, ou o 80% en Dinamarca, mentres que en España só alcanzamos o 20%" –explicou Braña.

Para mudar este dato, García Braña apuntou que é necesario realizar rehabilitacións no patrimonio monumental, pero tamén no patrimonio edificado, como as construcións de barrios nos anos 50 e 60, onde na actualidade as formas de vida mudaron e son precisas reparacións de diversos tipos nas edificacións.

O conselleiro de Medio Ambiente apuntou que estas xornadas nacen cunha clara necesidade de reflexión porque existen factores que invitan a abrir este debate, como as novas esixencias construtivas derivadas da aplicación do Código Técnico da Edificación, a vital importancia que cobran os aspectos ligados á sostibilidade da construción, ou a imperiosa necesidade de reducir os consumos de enerxía entre todos os axentes implicados na rehabilitación cuxo encontro propicia este congreso.

Compartir: