TURISMO

Santiago participará na creación da rede de Cidades do Camiño francés

19/01/2006 Turismo de Santiago estará presente nun dos máis importantes certames internacionais do sector turístico, an Feira Internacional de Turismo FITUR, que se desenvolve entre o 25 e o 29 de xaneiro en Madrid. Entre outras actividades, no marco de Fitur terá lugar a constitución da rede de cidades do Camiño francés.

Neste certame, e os días 23 e 24 de xaneiro, a cidade estará representada tamén en FITUR Congresos a través de Santiago de Compostela Convention Bureau, organismo que manterá reunións comerciais con distintas empresas de ámbito nacional e internacional organizadoras de congresos, axencias de viaxe e outras entidades de promoción de destinos de reunións profesionais.

Turismo de Santiago participará tamén na xuntanza de constitución do Grupo de Cidades do Camiño de Santiago. Esta iniciativa compostelá, recollida pola Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) e a Secretaría General de Turismo, reunirá ás principais capitais do Camiño Francés (Pamplona, Logroño, Burgos, León e Compostela) nunha rede de promoción turística que cooperará cos entes de promoción do camiño de peregrinación e coas entidades rexionais agrupadas no Consello Xacobeo.

Por outra banda o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, preside o 25 de xaneiro a Comisión Executiva do Spain Convention Bureau (11:00 h) na que abordará a revisión do plan de actuacións conxuntas entre Turespaña e este grupo de 38 destinos de congresos españois, que será asinado o día seguinte coa entidades española de promoción turística.

O plan de promoción do Spain Convention Bureau en 2006 inclúe, entre outros puntos, a realización dun estudo sobre o mercado de turismo de reunións; a edición dunha revista, un tríptico promocional sobre incentivos e congresos e a Guía Profesional do SCB; a creación dunha base de datos sobre o sector e dunha pasarela on-line de datos entre o SCB e a páxina www.spain.info; xornadas directas de promoción do turismo de reunións, campañas de marketing e realización de seminarios.

O concelleiro de Turismo participará tamén o 25 de xaneiro na xuntanza da Comisión Técnica de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas e na xuntanza da Comisión de Turismo da FEMP.

Nesa mesma data está prevista a presentación do ‘Sistema Móvil de Información Turística’, ‘SMIT’, un proxecto piloto aplicado a Santiago e aos tramos galegos do Camiño de Santiago. A conferencia estará a cargo da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia e do concelleiro de Turismo de Santiago, Francisco Candela.

O xoves 25 Compostela, representada polo seu concelleiro de Turismo, participará na sinatura do convenio entre Turespaña e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas para a súa promoción conxunta no exterior en 2006.

Este convenio, que se converterá nun apoio aos plans promocionais do grupo de once declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco, inclúe un plan de comunicación que fará especial énfase en viaxes de familiarización e prensa destinados aos mercados escandinavo e belga, así como accións de marketing directo on-line e off-line coa colaboración das oficinas españolas de turismo das capitais europeas.

O apoio á comercialización internacional do grupo verificarase na asistencia á feiras como a ITB de Berlín en marzo e a JATA de Tokío en setembro; xornadas en China (maio), Centroeuropa (setembro), e Australia e Sudáfrica (outubro); accións directas de marketing nos mercados italiano, británico e alemán, fam-trips de turoepradores xaponeses e norteamericanos e presentacións para prensa e axentes en nova York e Toronto.

Outras iniciativas prevén a edición de folletos e a a inclusión da oferta cultural das cidades patrimonio na axenda do portal www.spain.info.

Finalmente o venres, 27, último día da Feira reservado ao público, o salón de actos do stand de Turgalicia será o escenario da presentación de Compostur, o turoperador oficial de Santiago de Compostela e primeiro de España en combinar a participación pública e privada. O concelleiro de Turismo e o adxudicatario do servizo, José Oreiro, explicarán aos asistentes os obxectivos da empresa, nacida para a comercialización integral dos produtos turísticos de Santiago de Compostela e do Camiño de Santiago, e amosarán o funcionamento do portal www.santiagoreservas.com, que permite a reserva de aloxamentos, servizos turísticos e paquetes temáticos desde calquera parte do mundo.

Durante os tres días de actividades terán lugar tamén varias reunións con turoperadores e directores de oficinas españolas de turismo de Europa, Norteamérica, América do Sur e Asia.

Compartir: